Parlamento Galego

BNG acusa o PP de non facer nada para evitar o derrubamento no Materno-Infantil malia que coñecía o risco de que ocorrese

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas pide que se asuma a responsabilidade política do acontecido : “Alguén ten que responder por someter a cidadanía a este perigo público”

Denuncia que as obras do novo edificio levan máis de seis meses paradas

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, acusou o Goberno do PP de coñecer o risco de derrubamento que existía no Hospital Materno Infantil de Ourense e, malia iso, non ter feito nada para evitalo. “Canto tempo estivo prestándose en Ourense os servicios de Xinecoloxía, Obstetricia e Pediatría nun edificio que non era seguro?”, preguntou Presas, que asegurou no Pleno que o acontecido o pasado 29 de marzo na área de pediatría do hospital público de Ourense “non é un accidente, é unha neglixencia”.

“Alguén ten que responder por someter á cidadanía a este perigo público”, sostivo, para reclamar así á Xunta do PP que asuma responsabilidades políticas polo acontecido, posto que o derrubamento non custou danos persoais “por pura casualidade”. “Esborrallaron quilos de material que matarían a calquera que pasase por aí”, advertiu.

Na súa intervención en Pleno, Presas amosou no hemiciclo unha fotografía do derrubamento, á que se referiu como “a imaxe da vergonza” e un reflexo da “extrema precariedade da situación da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, “porque non é a primeira vez que pasa e porque se podía ter evitado”.

Lembrou, neste sentido, que o do 29 de marzo foi o terceiro incidente en ano e medio, posto que en decembro de 2023 derrubouse tamén o teito da sala de partos —que tardaron medio ano en arranxar— e, hai uns meses, houbo outro desprendemento en pediatría que causou feridas leves a unha médica, segundo transcendeu a través do Sindicato Médico de Galiza.  

Malia que o estado das instalacións, nas que tamén se rexistraron goteiras e inundacións, foi motivo de queixas constantes por parte das persoas usuarias e das profesionais, a Xunta en mans do PP “mirou para outro lado” e actuou de maneira “neglixente”, incumprindo as súas promesas e apostando polos “remendos” no caso do Materno Infantil.

Afondando nesta cuestión, subliñou que despois de que o primeiro plan director estivese paralizado unha década e quedase obsoleto, por fin no 2022 adxudicouse o plan reprogramado. Este contemplaba un novo edificio para hospitalización e a reforma do Materno Infantil, mantendo os servizos de obstetricia, xinecoloxía e partos, e a súas hospitalizacións, nun inmoble “inseguro e enfermo”.

O plan, agregou, debería estar rematado en 2025. Porén, “hoxe o Materno non está remodelado e está caendo a cachos, e hoxe o novo edificio non está nin construíndose”. “As obras levan seis meses paradas sen explicacións”, denunciou. Ademais, en meras palabras quedou tamén o anuncio, feito este verán, de que finalmente o edificio do Materno sería demolido para construírse un novo.  

Presas esixiu o Goberno do PP transparencia e que aclare, tal e como lle ten reclamado o BNG, desde cando recomendaban os técnicos da Xunta a remodelación do Materno. “Galiza enteira ten que ver con luz e taquígrafos os informes e saber desde cando se recomendaba a demolición” e durante canto tempo se estiveron prestando os servizos de maternidade e pediatría nun edificio en condicións de inseguridade.

Ademais de transparencia e responsabilidades políticas, a deputada ourensá reclamou a través da iniciativa debatida a demolición do Materno, desbloqueando a parálise das obras. Para iso, propuxo que se conte co persoal impulsando unha mesa de traballo na que se inclúan os profesionais e asociacións para abordar a concreción das futuras instalacións e adaptar o proxecto para mellorar a atención de maternidade, xinecoloxía e pediatría do CHUO. “En Ourense merecémonos servizos propios do século XXI”, concluíu.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG