parlamento galego

Apoio unánime á iniciativa do BNG para traspasar a AP-9 a Galiza

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará advertiu “do perigo” de que esta iniciativa non saia adiante Congreso por mor das emendas do PP e do PSOE, despois de que o Parlamento Galego trasladase á Madrid en varias ocasións a súa vontade unánime de que a AP-9 fora transferida a Galiza

O BNG gañou o apoio unánime do Pleno do Parlamento para a proposta para que todas as forzas políticas da Cámara trasladen ao Congreso, en Madrid, o seu apoio para a transferencia inmediata da AP-9 a Galiza.

“Temos moita preocupación de que volva fracasar esta iniciativa”, adiantou o portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, en relación ás enmendas que no trámite actual no Congreso dos Deputados están presentando o PSOE e o PP “ás que se lle suman as declaracións do goberno español, as da ministra de Transportes, que declarou que o traspaso da AP9 a Galiza tiña difícil encaixe, son escusas de mal pagador”, denunciou.

Un PP e un PSOE “dos que vemos continuamente como intercambian os papeis, porque cando gobernaba o PP houbo un freo á tramitación da proposición non de lei, agora o PSOE fai o mesmo emulando ao PP”, criticou Bará. Fronte esta situación de parálise e de risco de que este traspaso non se dea na actual lexislatura estatal propuxo “unha posición de acordo, clara e concreta” para que este traspaso se efectúe “do xeito máis rápido posible”.

A transferencia da AP-9, declarou Bará, “é unha demanda histórica” é supón para o parlamentario nacionalista o primeiro paso doutras demandas, “como o remate da concesión a Audasa, é o paso para o fin das peaxes abusivas, para facer xustiza con outras autoestradas que son da mesma época ca AP-9 e que xa son gratuítas e tamén para o logro doutras competencias”, determinou.

“O BNG ten a convicción de que, máis cedo que tarde, conseguiremos a transferencia da AP9, quéirano vostedes ou non”, sinalou o portavoz de Infraestruturas, “e será unha vitoria arrincada ao centralismo e aos grandes lobbys”. Papel no que destacou o papel do propio BNG, “que vota o mesmo aquí ca en Madrid” e que acadou no acordo de investidura o compromiso do goberno central para este traspaso, aínda pendente de executarse por mor das enmendas do PP e do PSOE.

Con este acordo unánime Bará aproveitou para convidar, tamén, ao resto de forzas políticas na Cámara “a non dar o cambiazo e a non ignorar a Galiza, en alusión aos grupos políticos “que hoxe volven votar a favor e ratificar o que di o BNG e logo van a Madrid e cambian o seu voto. Fan así irrecoñecible o que aproban neste Parlamento, díganlles aos seus xefes de Madrid que así non”, emprazou a ambas forzas políticas estatais, Populares e Socialistas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG