Ana Pontón: “O resultado municipal do BNG en Lugo evidencia que estamos ante un cambio político en Galiza”

Lugo
Lugo

Rubén Arroxo anunciou que o BNG priorizará os servizos de atención á veciñanza, a participación social  e a cultura

No encontro co grupo municipal de Lugo para abordar as liñas políticas municipais dos  vindeiros catro anos, a portavoz nacional do BNG,  Ana Pontón afirmou que o BNG quere “converter Lugo no motor da Galiza interior”.

Acompañada polo portavoz municipal, Rubén Arroxo, as concelleiras, Maite Ferreiro e Cristina López e os concelleiros, Felipe Rivas e Alexandre Penas, e tras felicitar ao grupo municipal nacionalista polos resultados do 26M, Pontón destacou o grande apoio recibido por todas as persoas que compartían co BNG a necesidade de darlle “un cambio a Lugo” que anticipa, dixo, “un cambio en Galiza no que o BNG será unha forza central”

Neste sentido, recalcou  que o BNG é unha forza política a alza que se transformará nun maior apoio “nas vindeiras eleccións galegas de 2020”. Temos un reto por diante e imos coa responsabilidade de poñer en marcha “un cambio real” para deixar atrás as políticas lesivas do Partido popular e de Feixóo.

Un cambio, reiterou  “en clave galega” polo que  traballaremos “coa man tendida” para ser o catalizador político que precisa o noso país.

DEPUTACIÓNS AO SERVIZO DOS CONCELLOS

A líder nacionalista afirmou que o BNG “abriu unha nova etapa no concello de Lugo” que abordará con “humildade, ilusión e vontade” e cremos que esa nova etapa tamén debe abrirse na Deputación. Neste sentido, explicou que é necesario falar do futuro e avogou por que se inicien conversas entre o PSdG-PSOE e o BNG  para definir “as liñas estratéxicas de futuros acordos”. Dende o BNG temos moi claro, explicou, que o importante non son os nomes dos deputados e deputadas provinciais  que ocuparán as institucións  porque o relevante é que queremos facer cunhas deputacións “anacrónicas e que non responden á realidade galega”. Dende o BNG a nosa postura sempre foi a súa eliminación pero mentres non desaparezan estaremos aí para que respondan a “un funcionamento con criterios democráticos e transparencia.” Que non sexan usadas con interese partidista e sexan utilizadas para apoiar aos concellos e aos servizos básicos dos cidadáns aos que teñen dereito”. Nesta liña, dende o BNG apostamos por afondar no baleirado de funcións impropias, democratizar as deputacións, que no  reparto dos fondos públicos non prime o amiguismo e galeguizar estas institucións, tanto no funcionamento interno como no papel co fin de “reforzar a nosa lingua e cultura”.

En Lugo hai que “abrir un tempo novo na Deputación porque foi un exemplo do que non debe ser unha institución e o papel do Bloque será claro, devolver o respecto interno no funcionamento da institución baixo criterios moi diferentes dos que vivimos no pasado mandato.

A preguntas dos xornalistas sobre os pactos no concello e deputación de Ourense, Pontón acusou a Feixóo de “dicir unha cousa e facer a contraria”  e a evidencia  que o Partido popular agora avala a un candidato do que en campaña dicía que “sería letal” para Ourense. Feixóo “non ten palabra” por un lado defende que goberne a lista máis votada e por outro pacta con Vox e Ciudadanos onde sexa necesario el pacta “cunha versión estrema de populismo” deixando á cidade de Ourense nunha situación moi preocupante.

Os galegos e galegas, engadiu a líder do BNG, no 2020 darán fin a esta década de Feixóo caracterizada polos recortes. Hoxe mesmo,   o persoal sanitario de Atención Primaria permanecen en folga ante a falta de recursos e medios. Dende o concello de Lugo quero enviar o meu apoio e o do BNG ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras en folga.

O BNG QUERE DEVOLVERLLE O ORGULLO A LUGO

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo afirmou que no concello de Lugo ábrese unha nova etapa na que os  cinco concelleiros e concelleiras nacionalistas levarán adiante todos os proxectos para que a cidade de Lugo “se sinta orgullosa”. Traballaremos para mellorar as infraestruturas, darlle un pulo a área de cultura e desenvolver todas as potencialidades que o turismo ten nesta cidade. Arroxo anunciou que o BNG priorizará os servizos de atención á veciñanza e potenciará a participación.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG