Ana Pontón: “O avance do BNG constata un novo ciclo político que porá punto final ao goberno do PP e Feixóo”

Mantén unha xuntanza cos candidatos e candidatas ás alcaldías das grandes cidades para avaliar o incremento de votos e representación municipal do BNG, tras o 26M

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe, trala xuntanza con parte da executiva nacionalista e os  candidatos e candidatas ás alcaldías das grandes cidades, que os resultados do pasado 26M confirman “o avance social e electoral do BNG” Para a portavoz nacionalista ábrese “un novo ciclo político no que o BNG consigue duplicar o voto nas eleccións Xerais, tamén nas europeas e nas municipais acadando representación en todas as cidades galegas”.

Pontón recalcou que o novo ciclo político caracterízase polo “avance do BNG” mentres o “Partido popular retrocede nos últimos tres procesos”. Temos ante nós un reto importante na convocatoria das eleccións galegas no ano 2020 e dende o BNG,  enfrontámolo con “decisión para garantir un cambio real en Galiza para poñer “punto final ao decenio nefasto do Partido popular e de Feixóo”.

Para abrir o novo ciclo  que Galiza precisa,  comezamos a reforzar  o proxecto do BNG cunha organización “unida, sólida e cun proxecto que xa é referencia para moitas persoas”. Porque hai “outra Galiza posible” que tamén é construída dende os concellos e deputacións, asegurou Pontón.

Ademais, explicou que o avance do BNG nas cidades alcanza un  incremento de voto  nas cidades do 22,2%, o incremento porcentual  de concelleiros e concelleiras acada o 31,6%, e dende o punto de vista cualitativo conseguimos manter o apoio maioritario dos veciños e veciñas de Pontevedra coa garantía de que esta cidade continúe cun proxecto transformador e modelo de éxito de referencia. Volvemos a entrar nas corporacións de Vigo e Ourense, acadamos un importante avance no número de votos en Santiago e Coruña e somos decisivos en Ferrol e Lugo.

Nas pasadas eleccións,  moitas persoas en Galiza demostraron que queren políticas alternativas e nós, recalcou Pontón,  imos traballar “con luces longas” porque o debate das eleccións municipais non remata en quince días. Contamos cun “proxecto de país  sólido” e traballaremos coa perspectiva de catro anos para fortalecer o proxecto do nacionalismo e contribuír ao avance das cidades.

Pontón asegurou  que o novo mapa das cidades galegas  evidencia o desexo dos galegos e galegas contra as políticas de dereitas. Nestes sentido, anunciou que o BNG responderá  con diálogo, propostas e proxectos concretos para cada unha das cidades, “ben dende o goberno ou a oposición” porque sabemos “gobernar pero tamén sabemos facer oposición”  e o nosa acción de futuro estará supeditada a cambios reais nas políticas nos lugares nos que o BNG non obtivo a alcaldías. Seremos moi esixentes para facer avanzar as ideas e proxectos nacionalistas, manifestou a líder do BNG. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG