parlamento europeo

Ana Miranda esixe eficacia e transparencia ao goberno galego no investimento de todos os fondos europeos

Ana Miranda
Ana Miranda
A portavoz do BNG en Europa advirte da irresponsabilidade da Xunta se deixa sen gastar cartos europeos igual que fixo co Marco Financeiro Plurianual 2014-2020

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que o goberno galego “debe poñerse as pilas” e aumentar a súa eficacia no investimento dos fondos europeos do novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 para dar resposta aos numerosos retos aos que debe enfrontarse Galiza. “Cos novos fondos non pode acontecer o que pasou co Marco Financeiro Plurianual anterior, que quedaron máis de 1.400 millóns de euros sen gastar, algo que o PP debería explicar”, manifesta ao respecto.

“Como é posible que o Goberno galego poida permitirse o luxo de deixar fondos europeos sen executar coas necesidades que ten Galiza, con sectores produtivos moi tocados, como o mar-industria, a hostalaría ou os servizos, o desemprego da mocidade? Sería unha tremenda irresponsabilidade por parte da Xunta que non investise até o último euro que vén de Bruxelas”, subliña a portavoz do BNG en Europa, quen tamén demanda unha maior transparencia do goberno galego, non só a respecto dos fondos estruturais, senón tamén na suposta selección de proxectos que poden optar aos fondos europeos.

Precisamente, a necesidade de mellora dos indicadores de seguimento do uso dos fondos europeos é unha recomendación feita en repetidas ocasións polo propio Consello de Contas, como por exemplo no seu Informe de Fiscalización dos Fondos Europeos de 2018. A xuízo de Ana Miranda, o goberno galego “debería tomarse en serio o cumprimento dos estándares europeos relacionados coa transparencia porque estamos nos piores índices, como algúns países da Europa do leste”.

Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa explica que do período 2014-2020, a respeito dos fondos FEDER, -que teñen como obxectivo a redución das diferenzas entre o rural galego e as zonas urbanas, así como axudar ao desenvolvemento das zonas afectadas pola transición industrial e as zonas cunha escasa densidade de poboación como é o caso do rural galego-, a finais de 2020 só estaban o 78% comprometidos.

Capacidade de xestión

Dos fondos FEADER, -que teñen buscan fomentar a competitividade da agricultura, garantir a xestión sustentable dos recursos naturais e a acción polo clima para lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego-, a finais de 2020 só estaba o 70% comprometido. A respecto do FSE, -que contribúe á cohesión económica, social e territorial, principalmente a través da mellora da taxa de emprego, e á a integración sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos, o aumento da formación, a diminución do fracaso escolar e a mellora do sector investigador-, a finais do ano pasado só estaba o 38% gastado.

“Tendo en conta estes datos poñemos en dúbida a fiabilidade e a capacidade de xestión do goberno galego”, manifesta Ana Miranda, quen critica que Feijóo desaproveite numerosas oportunidades para poñer fin ao desequilibrio territorial das zonas rurais respecto das urbanas, por exemplo visibles nos problemas relacionados coa fenda dixital que existen en numerosas zonas do rural galego.

A portavoz do BNG en Europa lembra sinala que a Xunta está ”moi calada” cos Fondos React, que son fondos adicionais aos fondos de cohesión que se aprobaron para combater os efectos da pandemia e van desaproveitalos. “A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns de euros como candidatos aos fondos Next Generation, pero non sabemos en función de que criterios foron seleccionados, nin se quedaron proxectos fóra, nin quen os seleccionou”, apunta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG