Xavier Vence traslada a Gerry Adams o apoio do BNG ao proceso de reunificación de Irlanda

Xavier Vence e Gerry AdamsO portavoz nacional, Xavier Vence, transmitiu ao presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, o apoio e solidariedade do Bloque á formación que lidera no seu obxectivo de avanzar cara unha nova república de Irlanda unificada e soberana como defenderon os principais responsables desta forza política durante a asemblea celebrada esta fin de semana en Derry, Irlanda do Norte, baixo o lema Make change.

Vence transmitiulles os parabéns do BNG e amosou a súa confianza en que o Sinn Féin será o partido máis forte nos próximos comicios e considera un estímulo o avance do soberanismo en diferentes pobos de Europa, incluído Irlanda, como a mellor ferramenta para avanzar no progreso e na xustiza social, que debe traducirse en desenvolvemento económico, emprego e benestar para a maioría social. “A soberanía vai unida ao progreso económico e a xustiza social”, subliña Vence.

A participación do Bloque nesta asemblea anual do SF permitiu estreitar relacións de colaboración coa formación irlandesa, na Eurocámara pero tamén para intercambiar experiencias de goberno a nivel local e nacional, tendo en conta que ambas formacións comparten “unha visión crítica do modelo neoliberal que domina a UE”, que está a destruír os sectores produtivos e auspicia recortes que minguan as condicións de vida da maioría social.

Nesta asemblea nacional, os principais referentes políticas do Sinn Féin afondaron na idea da unidade nacional, da reconciliación e da paz, e dunha Irlanda unida no horizonte de 2016, obxectivos todos que comparte e apoia o BNG para o pobo irlandés, do mesmo xeito que aspira a unha Galiza soberana que marque o rumbo do seu futuro sen ningunha imposición nin do Estado central, ni dos poderes da UE.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG