NÓS-Candidatura Galega, a opción da cidadanía que quere darlle a Galiza voz soberana en Madrid

O portavoz nacional o BNG, Xavier Vence, puxo en valor o proceso de primarias para a elección directa e “desde a base” dos e das cabezas de lista e integrantes de NÓS-Candidatura Galega aos comicios do 20 de decembro, coa participación de 5.812 persoas por todo o país.

Vence nas primarias de NÓS-Candidatura Galega con Tereixa Novo e Carlos Callón

“Quen quixo presentarse puido facelo sen ningún tipo de requisito de carné ou adscrición política, tanto para postularse como candidat@ como para escoller aos deputados e deputadas que cada un de nós quere ter para defender este país, para darlle a volta á política de recortes do PP e para conseguir que Galiza teña un voz propia e potente no Congreso”, explicou Vence, tras participar el mesmo no proceso de primarias organizado pola Plataforma Iniciativa pola Unión, que en Santiago elixiu a praza do Toural para instalar a mesa de votación.

“Demostramos que as cousas se poden facer doutra maneira, dando a voz á xente, construíndo de abaixo a arriba as candidaturas, non por acordos de cúpulas nin desde Madrid, senón que somos os galegos e galegas quen deciden libremente a composición da única candidatura galega decidida neste país”, subliñou, tras a instar a traballar todos e todas “para obter o mellor resultado para Galiza”.

Vence explicou que NÓS-Candidatura Galega está integrada polo BNG e por outras cinco forzas políticas e, sobre todo, por moita cidadanía sen adscrición política. “O que nos une a todos é querer ter unha gran representación galega sen supeditación a ningunha consigna, nin decisións foráneas a Galiza de forzas estatais, participadamente, cun programa para defender á maioría social deste país e para defender que Galiza sexa unha nación con dereito a decidir”.

“É o único programa e a única candidatura netamente galega que se decide polos galegos e galegas, centrada integramente na defensa deste país”, sintetizou Vence. “NÓS-Candidatura Galega é a candidatura onde imos todos os que queremos unha representación xenuína galega. É a candidatura galega 100%, representa ao BNG e moito máis, a outras forzas políticas e, sobre todo, á cidadanía que quere unha voz potente en Madrid, que defenda a Galiza por riba de todo”.

Primarias para elección integrantes NOS-Candidatura Galega en Santiago

Vence fixo fincapé en que na candidatura de NÓS non houbo ningunha forza que, desde Madrid, impuxo “candidatos, programas e anagramas”, elixida a través dun proceso de primarias “que outros non fan”. “O que hoxe se vote aquí nas primarias son os nomes que van ir nas papeletas, non os que outros cociñan en Madrid, sen consultar á xente, nin a militancia. Penso que é un exemplo de como se elabora unha candidatura de país”, concluíu.

Vence agradeceu a participación de Tereixa Novo e Carlos Callón, que se postulan como cabezas de lista por A Coruña, cos que coincidiu no momento da votación. Ambos candidatos explicaron publicamente o seu apoio mutuo simbolizado no feito de votar un polo outro no proceso de primarias que definirá as listas de NÓS-Candidatura Galega nas catro provincias tanto para o Congreso como para o Senado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG