Jorquera tira de programa do PPdG e lembra que Feijóo quería o traslado de ENCE no 2009

O parlamentario formulou unha pregunta, na sesión de control, sobre o futuro da pasteira e lembrou que no ano 2009 o Partido popular en Galiza prometía recuperar, para o disfrute dos cidadáns e para a súa recuperación ambiental, a fachada marítima esquerda da ría de Pontevedra confirmando a súa aposta para o traslado do emprazamento de ENCE

Unha vez máis, o Presidente da Xunta converteu hoxe a sesión de control nun discurso electoral contra os éxitos urbanísticos do concello de Pontevedra gobernado polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores que recentemente recibiu dous premios internacionais , Dubay e Nova York, ao mellor modelo urbano.

O futuro de ENCE e o seu posible traslado fóra da ría de Pontevedra foi o centro da pregunta do portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera a Feijóo.

O deputado preguntou ao presidente sobre as súas prioridades e compromisos tras anunciar a súa intención de manter ENCE en Pontevedra e lembroulle que no ano 2009, o PPdG prometía “recuperar para o disfrute dos cidadáns e a súa recuperación ambiental, a fachada marítima da marxe esquerda da ría de Pontevedra, garantindo o seu traslado dentro da comarca”.

Feijóo debe favores a ENCE e quere pagarllos cunha prórroga

Vostede, dixo, “non ten palabra” e non cumpre o que afirmaba no ano 2012 cando declarou que o PPdG mantiña a súa aposta “para que ENCE abandone o seu actual emprazamento”. ENCE, afirmou Jorquera “ocupa terreos públicos” e por riba ten unha rebaixa do 95% no canon da auga e a súa presenza en Pontevedra “destrúe máis postos de traballo dos que crea”.

Núñez Feijóo responde a Jorquera

Neste sentido, asegurou que ENCE impón os prezos da madeira que “arruínan” aos produtores e se o Goberno quere poñer en valor a industria forestal debe cuestionar un modelo ónde “nós poñemos a materia prima e outros as actividades que xeran valor engadido”. Non sigan vostedes apostando polo monocultivo forestal, por un modelo oligopolio e depredador dos nosos recursos públicos e naturais.

“Abandone as portas xiratorias e actúe como presidente do Goberno e non como o delegado de ENCE”, recalcou Jorquera.

Cospedal: “Estamos trabajando mucho para saquear este país”

O deputado tamén lembrou que na última sesión de control, Feijóo respondeu sobre a situación económica de Galiza, “a cola” no ano 2014 que “ningunha das causas dependen do seu goberno” polo que o nacionalista preguntou para que serve entón o Goberno galego a non ser que faga súa a frase da secretaria xeral do Partido popular: “Estamos trabajando mucho para saquear este país”.

Sr. Feijoo, vostede nin exerce nin reclama competencias e ante a crise que estamos padecendo, limítase a dicir que “a industria comportase de forma incorrecta”, acaso non é vostede responsábel e o seu goberno?. Non acepta reformas legais contra a morte das renovábeis, oponse á tarifa eléctrica galega e non pon en valor a industria forestal ofrecendo como grande solución, que “ENCE siga contaminando a ría de Pontevedra”.

Coa súa postura, dixo, intenta devolver o favor a ENCE por colocar no seu Consello de Administración a “unha longa nómina de cargos do PP” entre os que destacou a Carlos del Álamo, Isabel Tocino e Fernando Abril Martorell.

Di que non a haberá informes favorábeis se non hai garantías ambientais pero aceptou unha modificación da lei de Costas que prorroga durante outros 75 anos as concesión en terreos públicos e aínda que sexa preceptivo un informe favorábel do Goberno galego, “o goberno central resérvase o dereito a non consideralo”, concluíu o parlamentario.

Durante o debate cidadáns de Pontevedra manifestáronse nas inmediacións do Parlamento esixindo a retirada de ENCE da ría e mesmo unha persoas foi desaloxada da tribuna de convidados por protestar tras a intervención de Núñez Feijóo e lanzar pasquíns ao hemiciclo baixo o lema: “Por un futuro de calidade!Impidamos a prórroga de ENCE en Lourizán.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG