Jorquera a Feijóo: "Deixa GZ como un ermo no económico e no social mentres prepara o salto a Madrid"

Os datos de Eurostat indican que España é o estado onde máis medrou a desigualdade, e Galiza presenta aínda un peor comportamento con 90.000 persoas en situación de pobreza severa, 700.000 en situación de risco de pobreza é unha riqueza per cápita en Galiza que equivale ao 83% da media europea o que significa un retroceso de dez puntos e de dez anos desde que goberna Feijóo.

O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, botou man destes datos na pregunta de control ao presidente da Xunta como evidencia das consecuencias das políticas do PP desde a Xunta de Galiza. “O seu goberno é unha rémora para o país señor Feijóo, e deixa un ermo no económico e no social mentres prepara o seu salto a Madrid”, criticou.

Jorquera subliñou a contundencia dos datos fronte “ao aparello de propaganda” que desprega o Goberno do PP. “A realidade é que a renda media dun galego é 12.000 euros menos ca dun madrileño”, o que para o BNG deixa claro que a crise “non golpea a todos e todas por igual, tampouco no territorial”, cunha Galiza que xa é “a segunda comunidade con maior número de indixentes”.

Só unha actitude que substitúe a realidade pola propaganda explica aseveracións como as de Mariano Rajoy “cando asegura que hoxe xa ninguén fala do paro, pero en que mundo viven?” interpelaba Joquera, ao tempo que afondaba nos datos de Eurostat que amosan unha Galiza “que diverxe da Unión Europea” na que medra a fenda coa media estatal.

A economía galega foi a que tivo un peor comportamento de todo o Estado en 2014, cun índice de produción industrial “en caída libre” mentres medra no conxunto do estado, unha Galiza que perde poboación pola sangría da emigración e unha Galiza onde o peso do PIB sobre o total estatal “é cada vez menor”.

“É por mor da súas políticas e da nosa dependencia señor Feijóo que están provocando o devalo deste país”, concluíu Jorquera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG