O BNG PROPÓN CONSENSUAR NO PARLAMENTO UNHA ESTRATEXÍA GALEGA PARA O SECTOR DO TRANSPORTE

Coincide coas asociacións de transporte por estrada en denunciar a “despreocupación total da Xunta” coas Pemes e autónomos do sector

Entre os lastres: un maior custes dos carburantes en Galiza, competencia desleal dos grandes operadores e a lexislación do Goberno central

Santiago de Compostela, 18 de marzo 2015.- O BNG recolle as demandas do sector e propón pactar no Parlamento unha estratexia especificamente galega en defenda do sector do transporte polo que demanda á Consellería de Infraestruturas “que deixe de facer mutis polo foro” e mande canto antes á Cámara unha proposta que serva de base para a negociación.

Tras unha reunión coas tres asociacións que integran o Comité Galego de Transportes, -FETRAM, FEGATRANS e FEGATRAMER-, o Bloque puxo de manifesto o total abandono da Xunta das Pemes e dos autónomos que se adican ao transporte por estrada, no que se move o 80% do transporte de mercadorías.

“Unha despreocupación total en defensa deste sector, todo se decide en Madrid baixo a presión das grandes empresa loxísticas”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen cualificou de “irresponsabilidade absoluta do Goberno por estar a marxe do debate sen fixar unha posición galega para o sector”.

A crítica foi subscrita polos representantes dos transportistas a preguntas dos medios.

“Pedimos que se nos recoñeza como sector, porque dun tempo para aquí temos que estar nós detrás para poder ser recibidos, estamos nunha situación en que nin existimos para a Xunta pese a ser 7.000 empresas que dan emprego a máis de 20.000 persoas”, lamentaba Alberto Vila, coordinador xeral de FEGATRANS, quen lembraba que o Goberno galego ten competencias en materia de transporte, mobilidade e peaxes.

O Bloque pedirá no Congreso a retirada inmediata e definitiva, -“non un mero parón electoralista”-, da normativa que ultima o Goberno central que obrigaría aos transportistas galegos a circular por autoestradas. “Non é de recibo unha decisión unilateral por parte do Executivo”, criticou Vence medida que, segundo estimación do sector, suporía un sobreprezo de ata o 8% por camión.

Pero non é a única “ameaza” para un sector que, segundo denuncia, xa traballa por debaixo de custes. Hai máis: o prezo dos carburantes en Galiza, con 9,3 céntimos de euros por riba da media, o incumprimento da lei de morosidade sen que o Goberno interveña que demora os pagos por prestación do servizo ata levar ao límite da supervivencia a moitas Pemes e autónomos e, en terceiro lugar, a nova normativa que prepara Madrid cedendo as grandes empresas do sector para incrementar a capacidade en tonelaxe dos camións e trailers.

Os representantes das Pemes e autónomos do transporte por estrada aseguran que non poden asumir o custe que suporía cambiar a frota, e denuncian que o cambio de normativa “faise baixo a presión” das grandes cadeas de distribución e do sector dos vehículos industriais.

Neste contexto, o Bloque xa ten levado varias iniciativas ao Congreso e agora levará tamén ao Parlamento unha petición “urxente” para que a Consellería de Infraestruturas elabore unha estratexia propia en materia de transporte e se opoña as medidas “antigalegas” que chegan desde o Goberno central. “A perda de competitividade no sector do transporte lastra o conxunto da nosa economía”, subliñou Vence.

 Non encontro tamén participaron as portavoces de Infraestruturas e Transporte no Congreso e no Parlamento galego, Rosana Pérez e Ana Pontón. Por parte do sector, Fernando Teijeiro Bogo, presidente de FETRAM, Alberto Vila González, coordinador xeral de FEGATRANS e Ramón Alonso Fernández, presidente de FEGATRAMER.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG