O BNG presenta unha proposta nacional para "adelgazar" as deputacións e facelas máis transparentes

Os resultados electorais do 24M abriron “un escenario novo” que para o BNG é unha oportunidade única de acometer reformas de alcance en todas as institucións da administración local nas que o cambio é posible, as deputacións da Coruña, Lugo, Pontevedra e na propia Fegamp.

Xavier Vence, portavoz nacional

Para iso, o BNG propón unha “reforma en profundidade” de ámbito nacional para negociar coas outras forzas políticas alternativas ao PP un novo modelo de deputacións, mentres non se acade o obxectivo último da supresión destas institucións. A proposta programática do Bloque como base para fraguar acordos con outras forzas políticas explicouna o portavoz nacional, Xavier Vence, no convencemento de que “é o momento para dar un gran cambio nas estruturas do poder local en Galiza, fuxindo dun mero reparto de cargos ou de áreas”.

“Non queremos empezar a discutir polo secundario, non queremos que a casa se empece a construír polo tellado senón polos alicerces, polas bases, que son un acordo programático de transformación das deputacións en institucións ao servizo da cidadanía, transparentes e democráticas e que se vaian adelgazando en dirección a súa desaparición”, sintetizou Vence, tras asegurar que “o reparto de cargos é unha moi mala maneira de empezar unha negociación”.

Entre os puntos básicos, acadar un compromiso político que permita camiñar cara a desaparición das deputacións como institucións redundantes dentro dun modelo centralizador, conscientes de que isto precisa reformas lexislativas importantes.

De xeito inmediato, a proposta do Bloque inclúe “adelgazar” a estrutura e o funcionamento das deputacións mediante a transferencia de competencias cara a Xunta e cara aos concellos, inverter o proceso da reforma da local aprobada en solitario polo PP que reforza as deputacións en detrimento da autonomía dos concellos, e impulsar a cooperación e prestación de servizos entre concellos a través de estruturas comarcais.

“As institucións máis próximas á cidadanía son os concellos e son eles os que deber reforzar competencias e prestar os servizos de proximidade”, explicou Vence, que ve na perda de poder dos populares a oportunidade para mudar o rumbo da “recentralización” nas deputacións marcado unilateralmente polo PP coa reforma local que entraría en pleno funcionamento en 2016.

Finiquitar reparto clientelar

Outro aspecto clave na proposta do BNG é a xestión do orzamento das deputacións, arredor de 450 millóns de euros anuais, que deben distribuírse con criterios obxectivos en aras do reequilibrio territorial, poñer coto á discrecionalidade e finiquitar o reparto de recursos en base a criterios partidististas, clientelares ou caciquís.

De cara a conformación de posibles gobernos provinciais, Vence considera paso previo imprescindible “un acordo sobre os principios programáticos, obxectivos e plans estratéxicos para transformar as deputacións en institucións completamente diferentes ás que hoxe nos deixa o PP”.

O portavoz nacional amosou o seu convencemento de que a formulación do BNG “está en sintonía co que demanda a cidadanía: adelgazar institucións redundantes, xestionar os recursos con eficacia e eficiencia e xestionar as institucións con maior transparencia e democracia”, e confía en acadar “un consenso” con todas as forzas políticas que apostan por “un cambio radical no que son un símbolo dunha administración arcaica e caciquil”.

Se hai acordo nun plan estratéxico a catro anos para as deputacións a nivel nacional, o paso seguinte sería establecer as responsabilidades de cada forza política nos órganos de goberno e, nese sentido, o Bloque “reivindicará, como é lóxico, unha visualización acorde coa nosa achega”, concluíu Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG