O BNG insta a participar no proceso de primarias aberto por IpU para a candidatura galega de unidade

Consello Nacional BNG

O Consello Nacional analizou o traballo feito polo BNG para a conformación da candidatura galega de unidade dentro da Plataforma Iniciativa pola Unión, e ás propostas de cara á elaboración colectiva do programa electoral nas comisións xurdidas da asemblea que IpU celebrou o 27 de setembro.

Consello Nacional BNG

“Estamos traballando na conformación da candidatura e do programa de cara ás eleccións xerais do 20D no marco da plataforma cidadá IpU, ampla e plural, na que participan outras forzas políticas ademais do BNG, e que segue aberta á incorporación de novas persoas e organizacións para conformar esa candidatura galega de unidade, con grupo parlamentario propio e para garantir que Galiza teña voz potente e soberana para defender os intereses deste país, para defender o dereito a decidir e para camiñar cara a nosa soberanía”, explicou ou portavoz nacional, Xavier Vence.

Nese proceso, o Bloque insta a toda a cidadanía que comparte estes obxectivos a participar no proceso de primarias, -tanto para elixir como para postularse como candidat@ a conformar a lista de unidade-, inscribíndose no censo aberto pola plataforma cidadá, que pode consultarse desde a súa web (http://polaunion.gal/).

A formación nacionalista aposta por unha participación masiva neste proceso de primarias, no que calquera persoa, -militante ou sen adscrición política-, pode candidatarse coa mera presentación de 25 avais, segundo o regulamento aprobado pola correspondente comisión de traballo de IpU.

Desde o Bloque, o portavoz nacional considera que a candidatura “debe estar nutrida por persoas que sexan o fiel reflexo desa cidadanía rebelde, galega que aspira ao recoñecemento de Galiza como nación, e que quere participar para defender este país no Congreso na vindeira lexislatura en todas as dimensións.

Non se pide carné

Neste sentido, Vence avanzou que a formación nacionalista “vai apoiar xente que é do BNG e xente que non é do BNG, que é independente, nun proceso que se formalizará coa presentación de candidaturas a partir da semana que ven”, todo, reiterou, dentro do proceso de primarias posto en marcha pola plataforma cidadán IpU.

O Bloque cualifica este proceso de primarias como “dos máis participativos que se teñen ensaiado en ningún outro territorio”.

“É absolutamente aberto á cidadanía, non se lle pide o carné a ninguén e calquera persoa que desexe pode participar no proceso de primarias para a elección de candidat@s, non só militantes e simpatizantes do BNG e das outras organizacións políticas, senón calquera outra persoa sen adscrición partidaria algunha. Animamos á cidadanía a participar”, indicou Vence.

A preguntas dos medios, o dirixente nacionalista indicou que o Bloque aposta polo proceso colectivo posto en marcha dentro da Plataforma IpU, aberto a todas as persoas e organizacións.

Grupo soberano, non sucedáneos

“Estamos coa mellor disposición ata o último momento coas demais forzas políticas e plataformas que queiran compartir unha candidatura galega para ter un grupo parlamentario propio, non con sucedáneos, non con mensaxes para construír grupos parlamentarios para construír a unidade de España que é o que nos brindou onte o señor Errejón”, argumentou Vence.

Nese sentido, o portavoz nacional espera “que aínda haxa oportunidade para que moita xente e moitas organizacións podan sumarse a este proceso que está aberto a participación de todo o mundo”, concluíu.

Campaña 25N

O Consello Nacional tamén aprobou na reunión de hoxe a campaña contra o terrorismo machista que desenvolverá por todo o país ata a data do 25 de Novembro, día internacional contra a violencia de xénero, co obxectivo de concienciar a sociedade de combater todos os días contra as actitudes machistas, caldo de cultivo para crimes contra as mulleres, que hoxe mesmo ven de cobrarse unha nova vítima co asesinato de Conchi en Ponte Sampaio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG