BNG designará candidat@ o 30 de abril para liderar unha candidatura de país clave na derrota do PP

Reunión do Consello Nacional do BNG

Reunión do Consello Nacional do BNG

O BNG proclamará candidat@ á Presidencia da Xunta o 30 de abril como punto final do proceso de elección por parte da militancia a través de debates e votacións en asembleas comarcais por todo o país.

Este proceso de elección desde abaixo arranca coa presentación de candidaturas entre os días 11 e o 20 deste mes, a posterior celebración das asembleas comarcais entre os días 21 e 27 e, finalmente, a designación no Consello Nacional da persoa elixida polas bases.

O máximo órgano de dirección entre asembleas deu luz verde ao cronograma presentado pola Executiva nacional, que ten en conta un posible adianto electoral dos comicios autonómicos, mesmo ao 26 de xuño en caso dunha tamén probable repetición das xerais.

Calquera militante pode postularse co único requisito de contar con cincuenta avais. “O BNG segue a ser un referente de transparencia, un referente democrático e de facilidades para que calquera militante poda participar en calquera proceso interno da organización”, subliñou Rubén Cela desde a Executiva nacional.

A preguntas dos xornalistas sobre as opcións da portavoz nacional, Cela salientou que serán as bases nacionalistas as que decidan quen é a persoa máis acaída para representar ao Bloque. “Aquí non hai dedazos, nin se toman as decisións, como no PP, en función do humor co que se levante o señor Feijóo. É a militancia quen manda”, resaltou.

Reunión do Consello Nacional do BNG

Cela deixou claro o obxectivo final dun proceso que arranca coa elección do cabeza de cartel: Conformar unha candidatura de país que sexa clave para derrotar ao PP.

Contra as cordas

“Ofrecer á sociedade galega unha candidatura de país, de ampla base social, que teña como absoluta prioridade a derrota do PP, a derrota das políticas da dereita dos gobernos do señor Feijóo que deixa como legado un país literalmente contra as cordas, con máis paro, precariedade, emigración, con peores servizos públicos, unha Galiza que oito anos despois está máis empobrecida e desprotexida”, explicou Rubén Cela.

Para darlle a volta a esta situación, subliñou o responsable de Comunicación da Executiva nacional, “a contribución do Bloque é ofrecerlle á cidadanía unhas candidaturas ca cabeza e co corazón en Galiza, sen ningún tipo de atadura, que non teñan que mirar para Génova ou para Ferraz pero tampouco para a Complutense de Madrid, que só teñan que pensar nos intereses dos galegos e das galegas á hora de facer as súas propostas políticas”.

En relación a fórmula de concorrencia, Cela indicou que a folla de ruta foi decida polos homes e mulleres do BNG na recente asemblea nacional, onde quedou clara a aposta por unha candidatura netamente de país, “sen ningún tipo de atadura con forzas políticas que non teña o seu ámbito de decisión en Galiza”.

“Imos cumprir o mandato que nos deu a militancia fai tan só unhas semanas, respectando a vontade maioritaria do conxunto das bases do Bloque”, concluíu Cela.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG