BNG-Asembleas Abertas encara o 24m co obxectivo de estender o seu modelo de concello a favor da xente ao resto de Galiza

Vence: “Somos a única alternativa nacionalista capaz de disputarlle terreo ao PP en todo o país”

O cambio comeza nos concellos para construír unha “Galiza con futuro onde a xente moza non teña que emigrar como os seus avós”

_MG_9245BNG-Asembleas Abertas arrancou na Coruña a campaña electoral na que se fixa como obxectivo estender ao resto de Galiza o modelo de concello “a favor da xente” que foi capaz de desenvolver alí onde goberna. “Queremos encher Galiza de Pontevedras, Tomiños, Bueus, Rianxos, Ribadeos, Allariz, Carballos...”, proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, citando algúns dos concellos gobernados pola formación nacionalista.

“Cidades e vilas exemplos de calidade de vida, capaces de xerar dinamismo económico, que apostan polo comercio local, concellos que dan aos seus veciñas e veciños servizos públicos e sociais, concellos abertos, transparentes, honestos, concellos orgullosos do que somos como pobo, orgullosos de ser galegos”, argumentaba Vence.

Neste sentido, salientou o “respaldo” que reciben os gobernos nacionalistas: “Alí onde tivemos a posibilidade de demostrar o que somos capaces de facer desde o goberno, o BNG reforza o apoio da veciñanza, que sinte orgullo de formar parte dun proxecto de transformación colectivo a favor de todos e todas”. Vence apelou a esa “experiencia e solvencia como aval para pedir o apoio da cidadanía” nesta cita electoral.

Xosé Manuel CarrilNo mitin de arranque de campaña, Vence tamén puxo en valor que BNG-Asembleas Abertas “é a única alternativa nacionalista de esquerdas que planta cara ao PP en todo o país, que lle disputa terreo ao PP, palmo a palmo, en todo o territorio e non só nun puñado de cidades”.

O 97% dos galegos e galegas terán a oportunidade de elixir unha papeleta BNG-Asembleas Abertas como alternativa ás políticas de recortes que esnaquizan os sectores produtivos, que causan paro e emigración e que desmantelan os servizos públicos”.

Depende de nós

Vence apelou ao lema de campaña Depende de nós, para instar á cidadanía a “pasar a páxina dos recortes e da corrupción”. “O cambio empeza nos concellos, é o primeiro chanzo para derrotar ao PP e construír unha Galiza na que a xente moza non teña que emigrar como xa fixeran seus avós”. O BNG “quere liderar” ese cambio desde un proxecto nacionalista para o conxunto do país, “e ese cambio depende de nós”, concluíu.

Sen localismos que illan

A CoruñaO candidato de BNG-Asembleas Abertas na Coruña, Xosé Manuel Carril, lembrou que a historia da Coruña é unha historia popular de rebelións e de loitas pola liberdade, “e nós continuarmos o traballo das persoas boas e xenerosas que nos precederon na nosa loita”, subliñou.

Na súa intervención, apelou á importancia do carácter galego da Coruña, afirmando que “non se pode querer á nosa cidade renegando desa Coruña galega”. Unha Coruña “que sempre existiu e existirá, a pesar dos que practican o illamento localista da nosa cidade”. Carril reivindicou A Coruña “obreira, mariñeira, dos barrios e dos movementos sociais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG