BNG aproba promover unha candidatura galega na que traballar “mancomunadamente” ca cidadanía e forzas politicas

Aposta por abrir unha nova etapa nas deputacións que empece por destapar a herdanza deixada polos gobernos do PP

Confía na responsabilidade do PSOE para presentar un candidat@ á Presidencia da Deputación de Lugo que poda ser apoiado polo Bloque

Consello NacionalO Consello Nacional deu luz verde á proposta de promover unha candidatura galega de unidade, despois de que esta iniciativa formulada pola dirección nacionalista fose debatida e amplamente apoiada nas asembleas abertas onde obtivo un respaldo maioritario.

“É unha proposta dirixida á cidadanía e as demais forzas políticas para traballar macomunadamente na dirección de elaborar unha candidatura nacional galega de amplo espectro que poda recoller o sentir de toda esa cidadanía que quere que Galiza teña unha voz autónoma e soberana no Congreso cun grupo parlamentario propio en defensa dos intereses inmediatos e estratéxico de Galiza como nación”, explicou Vence.

Esa candidatura, con entidade xurídica, permitiría ter Grupo parlamentario propio no Congreso, apostar pola soberanía de Galiza e o pleno desenvolvemento da nosa identidade nacional, lingüística e cultural. Igualmente, tería como elementos básicos a defensa dunha sociedade avanzada que aposta pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres, unha economía ao servizo do pobo, que contribúa a desenvolver os nosos sectores produtivos e o dereito de Galiza a producir.

Tamén, a defensa do dereito á vivenda e dos servizos públicos, así como dunha política social que contribúa a minorar as crecentes desigualdades sociais e unha aposta por unha democracia de calidade, promovendo mecanismos de control democrático e de participación social da cidadanía.

45 gobernos municipais

Igualmente, o CN referendou os acordos de goberno municipais que permiten ao BNG ter responsabilidades nos executivos locais de 45 concellos, en 30 presidindo a Alcaldía e no resto formando parte de gobernos de coalición. E aprobou igualmente o acordo programático para negociar con todas as forzas políticas alternativas ao PP, -PSOE, Compostela Aberta, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños-, cal debe ser o modelo futuro das deputacións.

Neste sentido, o Bloque considera que chegou o momento de “abrir unha nova etapa” nestas institucións, no camiño cara a súa desaparición, que analice a herdanza recibida.

“Democratizar o seu funcionamento e introducir transparencia”, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, tras avanzar que “un dos obxectivos fundamentais dos futuros gobernos debe ser velar pola limpeza da xestión feita no pasado e levantar todos aqueles casos de mal uso de recursos e de eventual corrupción que se podan detectar na herdanza do PP”.

Vence reiterou que nesa “nova etapa política”, os entes provinciais nos que é posible unha alternativa ao PP “deben experimentar un cambio profundo adelgazando a súa estrutura e funcións coa transferencia de competencias e de recursos aos Concellos e a Xunta”. Un aspecto que se recolle no acordo programático que o Bloque somete á consideración e a negociación das outras forzas políticas.

Os cambios deben afectar tamén á xestión dos recursos destas institucións, -arredor de 460 millóns de euros anuais-, “eliminando” calquera práctica caciquil e partidista no uso dos orzamentos e, nese sentido, o Bloque “aposta pola redución do presidencialismo para que as decisións importantes se adopten no consello de goberno e nos plenos da deputación”

Unha vez logrado un “acordo programático” se daría paso á conformación dos órganos de goberno, onde a formación nacionalista quere ter “unha visualización” clara das responsabilidades do Bloque nestas deputacións. “É un segundo paso, pero tamén importante”, subliñou Vence.

Responsabilidades en Lugo

Preguntado polos medios sobre o candidato socialista a presidir a Deputación de Lugo, salientou que a formación nacionalista “confía na responsabilidade do Partido Socialista para que ofreza un candidat@ que poda ser apoiado e votado polo Bloque, previamente a un acordo a todas as demais cuestións programáticas”.

“Non se pode propoñer a un candidato que está imputado, -reiterou Vence-, e confiamos na responsabilidade do PSOE para que formule unha alternativa que podamos apoiar e ter un goberno alternativo ao PP na Deputación de Lugo”.

Pacto de costas ao Parlamento

Vence tamén foi moi crítico coas negociacións “as agochadas” do PP e do PSOE para “repartirse” cargos nas institucións cuxa renovación depende do Parlamento.

“Unha negociación de costas ao Parlamento onde os demais grupos non tivemos a oportunidade de formular propostas para a renovación dos cargos das institución que deben ser renovadas pola Cámara galega”, -Consello de Contas, Valedor do Pobo, Consello Consultivo-.

Preguntado polo feito de que as “desavinzas” freen a marcha do secretario xeral do PSdeG ao Senado, Vence indicou que ambos partidos “guisaron e comeron ese acordo e ambos saberán cales son as liñas vermellas que teñen establecido entre si, pero desde o Bloque consideramos que non é de recibo que negocien as costas do Parlamento cando todos os grupos parlamentarios teñen a obriga e o dereito de participar no debate da renovación deses órganos institucionais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG