24M, primeiro chanzo para derrotar o cancro da corrupción e as políticas de recorte do PP

Consello Nacional, 7 febreiro 2015

Consello Nacional, 7 febreiro 2015

Consello Nacional, 7 febreiro 2015

O BNG avanza no proceso de conformación das candidaturas para as eleccións municipais do 24 de maio e son xa 106 as listas referendadas polo Consello Nacional sobre as propostas remitidas polas asembleas comarcais.

Ao primeiro tramo das grandes cidades, súmase agora as candidaturas BNG-Asembleas Abertas en concellos importantes ou intermedios en termos de poboación, como Poio, Carballo, A Laracha, Vimianzo, Carnota, Ribeira, Boiro, A Pobra, Sada, A Estrada, Tomiño, Redondela, Fene, Cambados, Vilagarcía, Monforte, Cangas ou Ames, entre outros.

“A representación é plural de militantes e non militantes que conforman a base social do nacionalismo nestas candidaturas BNG-Asembleas Abertas”, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence. “É unha alternativa clara para dar a batalla ante o PP “e “liderar gobernos alternativos” en todas as cidades e concellos que sexa posible”.

Dentro dese proceso de preparación da organización para os comicios locais, o CN tamén deu luz verde na reunión de hoxe ás liñas mestras do programa electoral para as municipais, unha cita que o Bloque considera transcendente, “porque é o primeiro chanzo” que ten a cidadanía para infrinxir unha derrota ao PP.

“É o momento para limpar o panorama político e inferir a primeira derrota en toda regra a un PP que está esnaquizando o país, a nosa economía e as conquistas históricas nos servizos públicos como sanidade ou educación. É a oportunidade para que a cidadanía rebelde deste país pase a páxina negra do PP ao fronte dos concellos”, salientou o dirixente nacionalista.

Como alternativa ao PP, Vence puxo en valor o traballo do BNG nos concellos onde goberna, exemplo de xestión política contra os recortes e a favor dos que máis sofren as consecuencias da crise.

“A partir do 24M, os concellos que goberne o BNG seguirán a ser un baluarte contra as políticas de recorte do PP”, subliñou, comprometidos cos máis castigados con medidas de protección para as persoas que perden a vivenda, que quedan sen cobertura social ou que non poden afrontar tratamentos médicos. O que Vence sintetizou como “espírito de Riotorto”, en referencia ao primeiro goberno municipal nacionalista en enfrontarse ao repagamento dos fármacos hospitalarios para doentes crónicos.

Ademais de ser unha oportunidade para derrotar as políticas de recortes, os comicios locais de maio son clave “para vencer ese cancro da corrupción que asolaga unha grande parte dos concellos gobernados polo PP”. Nese sentido, Vence contrapuxo o “exemplo de transparencia e honestidade” dos gobernos do Bloque, cuxo programa marco afonda na participación da cidadanía na vida municipal.

Entre as propostas programáticas avanzadas, un modelo alternativo ao de Sogama, optando por plantas comarcais que reducen custes de transporte e crean emprego, e medidas para aforrar en cuestións claves como a factura eléctrica, que chega a significar ata o 50% da partida de gasto dun municipio, renegociando as condicións dos contratos coas grandes distribuidoras.

O Bloque confía en presentar candidaturas en todos os concellos, aínda que a “situación desastrosa” da demografía no país tamén afecta á participación política e crea dificultades en algunhas partes do territorio especialmente afectado pola desertización e o envellecemento da poboación.

Vence tamén resaltou que o BNG preséntase o 24M coa experiencia contrastada de goberno municipal capaz de promover o desenvolvemento empresarial e comercial de proximidade, capaz de xerar actividade e crear emprego, e de ofrecer un modelo de vilas e cidades nos que a veciñanza gana calidade de vida.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG