Senado

BNG urxe medidas específicas para loitar contra a violencia machista nas mulleres con discapacidade

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva: “É urxente e necesario rachar con este silencio e a discriminación das mulleres con discapacidade que sofren violencia machista”

O BNG demanda impulsar unha macroenquisa sobre violencia en mulleres e nenas con discapacidade e desenvolver medidas específicas de protección destinadas a elas

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar novas iniciativas demandando a colaboración do Ministerio de Igualdade e Ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para que se impulsen medidas específicas que loiten contra a violencia machista nas mulleres con discapacidade. Carme da Silva exixe “romper co silencio e a discriminación que sofren estas mulleres” comezando por levar a cabo estudos sobre a situación actual, a través dunha macroenquisa, para saber como atallar esta lacra.

“Moitas mulleres sofren dobre ou tripla discriminación pola súa condición racial, social ou pola súa situación de discapacidade o que agrava, máis se cabe, a súa situación de violencia machista” evidencia a senadora do BNG. A loita contra este tipo de violencia, sinala Carme da Silva, nace coa posta en marcha de “políticas transversais que deben comprender o ámbito educativo, social, policial, lexislativo, xudicial, entre outros moitos, e ter en conta a todas as mulleres”.

Informes e estudos de organizacións non gobernamentais poñen de manifesto a discriminación que sofre as mulleres con discapacidade e a elevada porcentaxe que sofren violencia machista. De facto, segundo o estudo da ONCE, 40% das mulleres con discapacidade sofren violencia machista e, en moitos casos, a discapacidade é consecuencia da violencia sufrida.

“Os datos son alarmantes e deben interpelar ás administración públicas a dispoñer de medidas específicas destinadas a estas mulleres con maiores dificultades. Estas cifras apelan o Goberno, quen debería, en primeiro lugar, avaliar a situación e, posteriormente, aprobar políticas específicas destinadas a atender as mulleres con discapacidade en situacións de violencia machista” demanda a senadora do BNG, Carme da Silva.

Durante a elaboración da macroenquisa, explica da Silva, debe optarse por unha metodoloxía que aporte suficientes datos nos distintos territorios autonómicos e que sexa representativa da situación en cada Comunidade Autónoma para que o resto de administracións -autonómicas ou locais- poidan levar a cabo outras medidas, segundo as súas competencias, e mesmo desenvolver un traballo conxunto.

“É urxente e necesario adoptar medidas específicas para rachar con este silencio e a discriminación das mulleres con discapacidade que sofren violencia machista” finda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG