PARLAMENTO GALEGO

O BNG rexistra no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión das residencias de maiores durante a pandemia

Olalla Rodil lembra que a creación da comisión responde ao compromiso da portavoz nacional do  BNG, Ana Pontón formulado no mes de Abril como primeira iniciativa do grupo nacionalista  no comezo da XI Lexislatura

Montse Prado afirma que o aumento de contaxios evidencia a necesidade de investigar o acontecido nas residencias e tomar nota dos erros

O BNG rexistra no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión das residencias de maiores durante a pandemia

As deputadas do BNG, Montse Prado e Olalla Rodil mantiveron un encontro  con familiares de persoas  usuarias das residencias de maiores e representantes de REDE (Federación de asociacións de usuarios de residencias e dependencia) e FAUDEMA para presentarlles a solicitude de creación dunha comisión de investigación sobre o  acontecido nestes centros durante a pandemia.

Rodil anunciou que o BNG rexistrou a petición da comisión respondendo ao compromiso, xa avanzado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no mes de abril, cando afirmou publicamente que esta sería unha das “primeiras iniciativas do grupo parlamentario nacionalista no inicio da XI Lexislatura”.

Tras o encontro, a deputada do BNG insistiu na necesidade de investigar o acontecido nestes centros durante a pandemia  por “xustiza, verdade e reparación”. Neste sentido, indicou que en Galiza faleceron a día de hoxe, 633 persoas pola COVID-19 das que 278 dependían das residencias de maiores. As residencias, explicou Rodil, foron “na primeira onda do virus un dos principais focos de contaxio” até o punto de producirse no noso país situacións de enorme gravidade como as vividas na Residencia San Rosendo de Celanova ou nas DomusVI de Cangas.

                                    Unha comisión imprescindible para investigar o acontecido cos coidados das persoas maiores

Desde o BNG, reiterou cremos firmemente que esta comisión de investigación é “necesaria e imprescindible ” para esclarecer o acontecido e para que as familias e o conxunto da sociedade coñezan a verdade. É necesario, engadiu, “analizar todas e cada unha das decisión que se adoptaron para corrixir os erros e impedir que volvan a repetirse”

Para a deputada resulta alarmante o número de contaxios masivos rexistrados recentemente nas residencias do Incio e Culleredo,  multiplicándose e por sete o número de positivos na última semana e rexistrando tres persoas falecidas.

O BNG avoga por un modelo de xestión pública que garanta os coidados na vellez

A COVID-19 fixo emerxer con toda crueza as carencias, as deficiencias e a precariedade de recursos do actual modelo de residencias en Galiza, un modelo que debe ser analizado en profundidade, aspecto que a comisión de investigación tamén debe abordar.  O actual modelo, criticou a parlamentaria do BNG, deixa a xestión  dun gran número de residencias de maiores a cargo de entidades privadas que converten “un dereito é unha vellez digna, nun negocio”. Das máis de   “21.000 prazas de residencias de maiores en Galiza,  só 8.154 (menos do 40%) son públicas, e foron precisamente estas entidades privadas como DomusVI e a Fundación San Rosendo as que rexistraron un maior número de persoas contaxiadas e falecidas”.

Nesta liña, engadiu que o propio Consello de Contas advertiu no ano 2017 o incumprimento sobre o número de persoal exixido e necesario nos centros.

Finalmente considerou que a pandemia debe  ser  un punto de inflexión no ámbito  dos coidados, e para iso é preciso “coñecer, estudar e investigar o que está mal” porque hai  situacións “inadmisibles” na vella  e  nova normalidade e a situación das residencias de maiores neste país é unha delas.

A pandemia non é unha paréntese, é presente

Pola súa parte, a  deputada Montse Prado, reiterou que é necesario “aprender dos erros e corrixir un modelo” posto en evidencia pola COVID-19. Un modelo denunciado polas propias familias e o conxunto de traballadoras e traballadores pola falta de persoal e recursos. “O modelo privatizador do Partido popular provocou graves consecuencias  agravadas polo coronavirus”. A situación das residencias de maiores, , recalcou Prado, “non é pasado, continua sendo presente” e o  Partido popular non debe caer na tentación de pensar que a pandemia foi unha paréntese porque continúa sendo presente, concluíu.
O BNG rexistra no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión das residencias de maiores durante a pandemia