BNG reclama igualdade de dereitos para as persoas consumidoras no acceso ás tarifas das compañías telefónicas

Néstor Rego
Néstor Rego

“Só 9% dos municipios galegos poden acceder á totalidade de ofertas tarifarias, ao resto, en aras de manter a libre competencia, impídeselle contratar as ofertas máis vantaxosas das distintas operadoras”, reproba Rego

Mesmas ofertas e tarifas independentemente do lugar de residencia, reivindica a formación nacionalista

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas reclamando ao Goberno do Estado que tome medidas para garantir a igualdade de dereitos das persoas consumidoras e usuarias das compañías telefónicas. A regulación tarifaria actual imposta pola CNMC impide o acceso ás ofertas máis competitivas nas zonas reguladas que obriga en moitas ocasións a acollerse aos paquetes máis caros das compañías que operan nese territorio.

A Comisión dos Mercados e a Competencia (CNMC) estabeleceu en outubro de 2021 unha distribución dos concellos de todo o Estado en dúas zonas diferenciadas atendendo ao servizo que prestan as operadoras telefónicas. Por un lado estaría a denominada “zona libre” composta por 696 municipios, é aquela en que pode atoparse, cando menos, tres redes de banda ultra-ancha, entendendo que se garante suficientemente a competencia e deixando ás compañías total flexibilidade para a configuración das súas ofertas e prezos.  Por outro lado fíxase  a chamada “zona regulada” en que se atopan o resto de municipios, en que só se conta con unha ou dúas operadoras só, polo que se considera que as tarifas teñen que estar supervisadas pola  CNMC. Nestas zonas, estabelécense determinadas restricións para configurar a oferta comercial por parte das compañías.

“Esta supervisión debería garantir que as operadoras non abusen da súa condición de case monopolio no mercado para estabelecer tarifas excesivamente altas ou  afastadas  do  prezo  normal  do mercado, con todo, a regulación o que está a impedir é ofertar nos municipios da “zona regulada” as tarifas máis accesíbeis ou económicas” explica Rego. É dicir, a regulación obriga ás persoas usuarias a contratar os paquetes ou ofertas de prezo máis elevado, impídese o acceso aos paquetes ou contratos más vantaxosos, polo que non se está a garantir desde a CNMC iguais condicións de acceso aos consumidores e consumidoras.

De facto, impídese que as persoas consumidoras da maioría dos concellos galegos poidan acceder ás mellores condicións das compañías telefónicas. “Dos 313 concellos existentes na Galiza, só 9% dos municipios están incluídos nesa chamada “zona libre” mentres que ao resto de galegos e galegas impídeselle contratar as mellores ofertas das distintas operadoras” denuncia o deputado nacionalista. Trátase, polo tanto, dunha “interpretación perversa da regulación” que, en vez de servir para impedir os abusos e garantir prezos alcanzábeis e asumíbeis, obrigan ás persoas consumidoras a coller as tarifas e paquetes máis caros das compañías.

“É un sen sentido que o organismo que se encarga de promover e defender o bo funcionamento dos mercados en interese dos consumidores non estea asegurando a competencia efectiva no mercado nin o dereito das persoas consumidoras” acusa Rego. A regulación para garantir a competencia e evitar o abuso dunha posición dominante, en opinión do deputado nacionalista, debería supoñer unha limitación do prezo máximo e requirir que se ofreza en todos os casos unha tarifa a prezo de mercado nas mesmas condicións ás que se ofertan no caso dos  concellos que se sitúan na chamada “zona libre”.

Ames,  Arteixo,  Barbadás, Betanzos, Boiro, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo,  A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, O Grove, Lugo, Moaña, Narón, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Sada, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa: son os concellos galegos que se atopan recollidos dentro da “zona libre”. Ao resto impídeselles contratar  as mellores ofertas das distintas operadoras. 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG