Vence exixe a Feijoó que compareza canto antes na Cámara polo financiamento ilegal do PP galego

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reclamou esta mañá ao Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoó, que compareza urxentemente no Parlamento galego e aclare a trama de financiamento do PP galego baixo o seu mandato.

Ante as informacións coñecidas hoxe, Vence considera que se trata dunhas revelacións "escandalosas, alarmantes e de estrema gravedade que requiren de explicacións por parte de Feijoó". O portavoz nacional do BNG que participa hoxe na festa nacionalista en Rodeiro, onde ralziará unha intervención política ás 14 horas, sinala que este tipo de noticias "confirman o que o BNG leva tempo denunciando".

"É máis do mesmo, a trama Gürtel e o fundamental papel do ex Secretario de Organización do PP galego, Pablo Crespo. Confirma o que xa sabiamos: no periodo de Goberno de Fraga houbo financiamento ilegal do PP, e agora se pode comprobar que iso tivo a súa continuidade baixo o mandato de Feijoó. Están comprometidas empresas constructoras e outras moitas que acadan contratos da Xunta", afirmou o portavoz nacional do BNG.

Critica Vence "a promiscuidade da contratación público-privada" e subliña que fica demostrado "o interese do PP por privatizar todo: sobre todo hospitais e autovías que van para facer negocio os seus amigos".

O portavoz nacionalista afirma que estamos "ante un escándalo de enormes dimensións que sitúa a Feijoó no núcleo do propio caso Bárcenas". "Demostra a enorme extensión da podremia do sistema de financiamento do PP e a amplitude do deseño de enxeñería financeira dos populares".

Asemade, o portavoz nacional do BNG apelou á Fiscalía Anticorrupción a actuar canto antes. Para Vence "é urxente unha rexeneración democrática que elimine a corrupción da vida política, e que afaste aos seus responsábeis. A cidadanía precisa de explicacións e Feijoó debe dalas e non agocharse como está a facer o Presidente do Goberno español e presidente do seu partido".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG