parlamento galego

Ana Pontón propón garantir por lei que a Atención Primaria dispoña do 25% de todo o orzamento sanitario da Xunta

“A ideoloxía do PP é recortar na sanidade pública para beneficiar á privada convertendo a saúde dos galegos e das galegas nun negocio”, denuncia

Outras medidas: acabar coa precariedade das e dos profesionais, incorporar novas especialidades e recuperar as xerencias sanitarias

Acusa a Rueda de ser un ‘correveidile’ de Génova e desprezar os problemas da sanidade galega aos que é incapaz de ofrecer solucións

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo no Parlamento galego blindar por lei que a Atención Primaria reciba cando menos o 25% do orzamento do Sergas, sen contar o gasto farmacéutico, para deixar atrás os recortes do Goberno do PP que supoñen un “auténtico perigo para a saúde dos galegos e das galegas”.

Pontón recordou que, en contra do que di, o Executivo de Alfonso Rueda recortou 2.139 millóns de euros na Atención Primaria, o que trae como consecuencia listas de espera de até dúas semanas, PACs sen persoal médico, 11.000 nenos e nenas sen pediatra ou 28.000 hospitalizacións cada ano que se poderían ter evitado.

A líder nacionalista recriminou ao presidente da Xunta na sesión de control que, ademais de negar os recortes que evidencian as cifras, tamén se escude na falta de médicos e médicas, cando na última convocatoria MIR se deixaron sen cubrir 42 prazas en Galiza, a cuarta con máis vacantes de todo o Estado, nun contexto ademais no que se sabe que tres de cada 10 médicos se van xubilar dentro dunha década.

“Isto non é casualidade, é a consecuencia das decisións ideolóxicas dun PP que está deteriorando a sanidade pública para beneficiar á privada porque a ideoloxía do Partido Popular é facer negocio coa saúde dos galegos e das galegas”, recriminou a portavoz nacional, quen alertou tamén de que Galiza é a segunda comunidade que menos inviste en Atención Primaria.

“Por iso non se cobren as prazas de medicina de familia, porque os profesionais están fuxindo dos seus recortes, foxen da súa precariedade e do seu maltrato”, reprochou a Rueda logo de acusar ao PP de levar 15 anos “deteriorando o corazón da sanidade pública”.

Pontón advertiu que a situación da sanidade pública non se vai solucionar con “declaracións cheas de lugares comúns nin cambiando de sitio os cargos do Sergas, responsables de executar a súa desfeita”, senón con propostas concretas como as que si ten o BNG.

Neste sentido, e xunto á blindaxe por lei do 25% do investimento sanitario total para a Atención Primaria, defendeu cambiar a precariedade e o maltrato ás e aos profesionais “por condicións laborais dignas”, recuperar as xerencias “con capacidade plena de xestión” e dotar de transparencia a contratación e boa xestión dos recursos públicos, “tal e como lle está pedindo o Consello de Contas”.

Na réplica, a líder nacionalista recriminou a Rueda o seu “desprezo polos problemas da sanidade pública deste País” ao centrar a súa resposta nos resultados electorais en Cataluña. “Se vostede quería vir hoxe aquí de comentarista dun proceso electoral en Cataluña é o seu problema, eu estou aquí para defender a sanidade pública e a xente deste País”, afeou ao titular do Executivo, a quen lle preguntou con ironía se quería que o felicitase “por ser cuarta forza política” nos comicios electorais.

Argumentario de Génova

“Eu pregúntolle por que hai 11.000 nenos e nenas sen pediatra e vostede respóndeme con Catalauña; pregúntolle porque hai listas de espera para ir ao médico ou médica de cabeceira e vostede fálame de independentismo”, recriminou Pontón, “ubíquese señor Rueda, estamos no Parlamento de Galiza e vostede é o presidente da Xunta; se quere ser simplemente un ‘correveidile’ dos argumentarios que lle dan en Génova, é o seu problema, pero a cidadanía deste País necesita un goberno e un presidente que lle dea solucións”.

Pontón criticou ao presidente da Xunta que tirase da “descualificación” ante a súa incapacidade para rebater con cifras o recorte de 2.139 millóns en Atención Primaria ou que nos últimos tres anos o seu goberno non fora quen de cubrir 90 prazas MIR que estaban convocadas para medicina de familia. “Isto non é culpa de Cataluña, isto é culpa dun Goberno do PP que non está facendo que a sanidade pública deste País funcione”, concluíu. 
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG