Tarifa eléctrica galega, medida chave contra o peche de empresas e a pobreza enerxética das familias

Xavier Vence, portavoz nacional

Xavier Vence, portavoz nacional

Galiza sofre unha crise enerxética que afecta tanto ás empresas como ás familias, polo que o BNG non renuncia a dar a batalla por un cambio no actual modelo enerxético que non reporta ningún beneficio pese as ser un país produtor excedentario que exporta o 40% do que produce.

“Temos que converter a electricidade en prioridade do debate político porque non podemos soportar a imposición por parte do goberno de Rajoy dunha política eléctrica feita á medida dos oligopolios madrileños que nos condena ás tarifas máis altas de Europa”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence.

Consecuencia: perda de competitividade das empresas, mesmo abocadas ao peche como é o caso de Alcoa Coruña e Megas, e 100.000 familias galegas que padecen pobreza enerxética.

Ante un “modelo eléctrico centralizado” pensado á medida do “burato negro” de Madrid como gran consumidor dun ben que non produce, sumado á “chapuza” do sistema de poxa do Goberno central, o Bloque propón unha tarifa eléctrica galega diferenciada que desconte os custes de transporte e da perda de enerxía durante ese transporte, o que suporía unha redución do 30-35% do prezo actual.

“É de xustiza que Galiza, familias e empresas, se beneficien de ser un país exportador do 40% da enerxía eléctrica que producimos. Se aplicamos a tarifa eléctrica en función dos custes poderiamos ter un prezo un 35% máis barato, e non é nada extraordinario porque simplemente nos permitiría unha tarifa como a media europea”, argumenta Vence.

Neste sentido, o portavoz nacional considera intolerable a falta de iniciativa do Goberno de Feijóo para defender os intereses do país, e pídelle que tome nota do Executivo vasco. “Por que a Xunta permanece impasible fronte a esta política de Rajoy e de Soria a favor dos oligopolios españois? Po que non fai como Euskadi que negociou un marco específico que lle permite aforrar 2.000 millóns de euros anuais na tarifa eléctrica?”, interpela Vence. “Que a Xunta se molle”.

Pese aos vetos do PP no Parlamento, o Bloque “non vai cesar” de colocar este asunto no debate político, máxime cando os datos referendan a gravidade da situación que sitúan a Galiza co peor dato de produción industrial de todo o Estado en 2014, cunha caída do 7%, explicou o direxente nacionalista.

Ás iniciativas parlamentares levadas a cabo, súmase agora unha moción que se presentará en todos os concellos reclamando unha tarifa eléctrica galega da que se beneficien tamén os municipios, pois son os veciños e veciñas que asumen o pago do servizo eléctrico. Este mesmo mércores, o ministro José Manuel Soria terá que dar explicacións no Congreso a petición do Bloque sobre as medidas que está adoptar para evitar o peche que ameaza a empresas como Alcoa Coruña ou Megasa en Narón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG