Sanidade pública universal e de calidade, fronte á estratexia de recortes e privatizadora do PP

O BNG fai un chamamento social para defender a sanidade pública de calidade e universal da estratexia premeditada do PP de recortes e privatización, para seguir garantindo un sistema sanitario no que todos e todas sexamos iguais ante a enfermidade.

VENCE NOS CHUS 2 (9 DEC 2013)Tras reunirse con delegados sindicais e de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o portavoz nacional, Xavier Vence, salientou o “total apoio” do BNG á folga e ás manifestacións convocadas polos sindicatos e por diversas plataformas e colectivos en defensa da sanidade pública e das condicións laborais do persoal sanitario, cuxo deterioro supón un deterioro da atención aos doentes.

“Estamos nun proceso de degradación da sanidade pública coa desculpa do aforro que nos conduce a unha sanidade que acaba sendo máis cara e de peor calidade, proceso do que se benefician as empresas e as aseguradoras privadas, en definitiva, o negocio privado que se move arredor da sanidade, que o PP quere promover porque é o negocio das empresas amigas e dos lobbies que o financian en moitas comunidades autónomas, como Galiza”, denuncia Vence.

Os recortes do PP lonxe de supor un aforro público implica un incremento do gasto en sanidade pero transferido á sanidade privada, recórtase en sanidade pública para fortalecer a sanidade privada e iso é un mal negocio para o país.

Como recorta o PP

Vence citou como exemplos de recortes a caída do 18% do orzamento en asistencia primaria, -267 millóns de euros-, desde que Feijóo ocupa a presidencia da Xunta, e un 3% os recursos para a asistencia médica especializada, 64,5 millóns de euros menos. Os recortes tamén afecta de cheo ao persoal sanitario e non sanitario, que implica 3.000 efectivos menos na sanidade pública, a maioría por xubilacións anticipadas que non se cobren, así como o copagamento dos fármacos hospitalarios para doentes crónicos.

Como privatiza o PP

Os recortes se combinan con medidas lexislativas cara unha progresiva privatización da sanidade pública, como o Decreto do 24 de xullo de 2013 sobre uso de medicamentos, a recente Lei de Garantías Sanitarias, ou o protocolo da Fundación 061, todas con medidas que favorece a privatización incluíndo o desvío de doentes a clínicas privadas cando hai seguros que cobren os gastos.

Igualmente, son exemplos a privatización de probas complementarias e da alta tecnoloxía hospitalaria e a construción de hospitais mediante o proceso público-privado que incrementa exponencialmente o custe final, como no caso do Hospital de Vigo, que triplica o orzamento inicial que pagaremos con cargo aos presupostos.

VENCE NO CHUS (9 DEC 2013)

A estas medidas se suma a posta en marcha de áreas de xestión, non como ferramenta de mellora na xestión clínica a favor dos pacientes, senón como novo mecanismo de privatización coa pretensión do PP de dotar a esas áreas de xestión de personalidade xurídica propia. Finalmente, tamén as xubilacións anticipadas dos profesionais sanitarios é unha maneira de pór a disposición da sanidade privada persoal de alta cualificación con menores custes salariais.

En definitiva, salienta Vence, unha “estratexia nefasta para os pacientes, para os enfermos e para o País da que só se beneficia as empresas e os lobbies do negocio privado e das aseguradoras. Por iso, o BNG está co persoal sanitario que está levando a cabo unha acción de dignidade e de defensa non só das súas condicións laborais senón de defensa da sanidade pública de calidade para toda a cidadanía”, concluíu.

sanidade

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG