Jorquera a Feijóo: "Móllese dunha vez e non dea as costas aos gandeiros"

O portavoz parlamentario manifestou que o acordo lácteo resultou un “engano masivo” e non resolve os problemas do sector lácteo galego

Francisco Jorquera

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera volveu a pedir hoxe a Núñez Feijóo que exerza de presidente e non dea as costas ao sector lácteo galego. Sr. Feijóo, “móllese, non dea as costas aso nosos gandeiros e cree unha mesa de seguimento dos acordos”, afirmou.

O deputado explicou que durante este ano pecharon en España 528 explotacións, 383 en Galiza. Aos gandeiros páganlle menos de 28 céntimos por litro, “tres menos que en España e seis menos que en Andalucía” e o acordo asinado en Madrid tampouco serviu para subir o prezo en medio céntimo.

Jorquera reiterou que o leite segue a pagarse “por debaixo do custe de produción” e as industrias seguen incumprindo os contratos mentres o mercado invádese con leite de importación, “España é o sumidoiro dos excedentes da Unión Europea”.

Deseño para expulsar do mercado aos produtores galegos

 Segundo o portavoz parlamentario existe unha estratexia para abocar o sector produtor galego cara sectores marxinais para “entregar o noso sector a produtores foráneos” polo que  cominou ao presidente a “exercer as competencias” e non dar as costas ás demandas dos nosos gandeiros e volveu preguntar que vai facer mentres os gandeiros galegos cobran os prezos máis baixos do Estado.

Feijóo responde ao portavoz do grupo parlamentario do BNG

Tras a resposta de Feijóo que asegurou ter como prioridade resolver o problema dos produtores de leite a través do acordo asinado en Madrid, o nacionalista respondeu que o acordo “non resolve o problema” porque non establece un leite tipo estándar o que permite a industria establecer criterios arbitrarios e baixar os prezos. Non hai un sistema de mediación vinculante e deixa sen capacidade real ao gandeiro para a negociación.

Jorquera increpa a Feijóo

O único que lle pedimos, é que goberne, “poña couto a concentración no sector da distribución” e pregúntelle aos gandeiros galegos porque levaron os seus tratores a Alcampo ou Carrefour. É ilegal vender o leite por debaixo do custe de produción, “inspeccione, impoña sancións”, esixa que se identifique a orixe do leite e condicione calquera axuda pública á industria ao pago “dun prezo xusto do leite en orixe”.

O parlamentario concluíu reclamando unha estratexia de futuro para o sector impulsando a mobilización de terras, favorecendo a transformación da materia prima en produtos con valor engadido e fomentar o consumo de produtos galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG