O Consello Nacional aproba o relatorio político que será debatido pola militancia nas asembleas

Consello Nacional BNG

O Consello Nacional do BNG aprobou o texto político que será debatido agora polo conxunto de toda a militancia nas asembleas comarcais, proceso do que sairán os relatorios finais para someter a análise e votación definitiva na asemblea nacional prevista para o 28 de febreiro.

Tras o debate das 117 emendas presentadas polos membros do Consello Nacional, aprobouse o relatorio oficial, elaborado pola Comisión redactora, que incorporou unha parte substancial das emendas. Ademais das teses aprobadas, mantéñense dous votos particulares a apartados completos dos textos, presentados por Carme Adán e Tereixa Paz e por Alba Nogueira, na súa condición de integrantes do Consello Nacional.

Consello Nacional BNG

Os tres documentos políticos concordan no obxectivo de manter o proxecto nacionalista do BNG como unha forza auto organizada, autónoma e con perfil propio perfectamente diferenciado na defensa do país, que entende Galiza como unha nación, e defende o dereito de autodeterminación dos pobos.

Os relatorios políticos aprobados polo Consello Nacional apostan tamén pola “refundación” do proxecto nacionalista para frear o devalo electoral do Bloque nos últimos anos, claramente reflectido nos resultados dos comicios do 20D. Unha refundación que se apunta como necesaria, tras abrir un proceso de debate entre a militancia e o conxunto da cidadanía que, segundo a proposta aprobada polo Consello Nacional, deberá estar definida no prazo máximo dun ano ou, segundo un dos votos particulares, antes das eleccións galegas.

A defensa da maioría social, -precariada e empobrecida-, a defensa dos sectores produtivos do país, dos servizos públicos universais e de calidade, da igualdade e da lingua e cultura propias son temas esenciais asumidos en todos os relatorios, que tamén teñen como elemento común a necesidade de “resintonizar” coa cidadanía. Preocupa especialmente a perda de apoio entre a mocidade e na Galiza urbana, que se considera vital recuperar, actualizando mensaxes e maneiras de comunicalos.

A militancia tamén debaterá sobre as fórmulas de concorrencia electoral para os comicios galegos e sobre o modelo organizativo que se propón nos textos que agora pasan as asembleas comarcais.

Consello Nacional BNG

Neste sentido, hai unha aposta clara polo asemblearismo, sinal de identidade do Bloque como expresión de máxima democracia e transparencia, expresamente recollida nos relatorios aprobados. No relativo á cita coas urnas, a proposta aprobada polo Consello Nacional aposta por concorrer ante os e as electoras sumando a todas as forzas nacionalistas posibles mentres que os votos particulares propoñen explorar vías de confluencia a través dunha coalición técnica en pé de igualdade con forza nacionalistas e de esquerdas que operen en Galiza.

Asuntos todos sobre os que a militancia terá a última palabra no conclave do 28 de Febreiro.

Palexco

A partir deste Consello Nacional prosegue o calendario marcado de cara á celebración da XV Asemblea nacional que terá lugar no Palexco da Coruña. Os debates nas comarcas prolongaranse ata o 15 de febreiro, data límite para remitir as emendas aprobadas pola militancia ao Consello Nacional, que celebrará un último encontro antes da cita asemblearia o 20 de febreiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG