O BNG reforzará o papel das asembleas abertas na toma de decisións, tamén nas estratexias electorais

Reunión do Consello Nacional

O Consello Nacional traslada ás asembleas abertas a decisión sobre a posición a manter nas investiduras nas cidades co obxectivo de favorecer alternativas ao PP

O BNG considera que os resultados das eleccións locais marcan un final de ciclo do poder do PP en Galiza e abre un novo escenario político tanto para os comicios xerais como os autonómicos.

Na súa primeira reunión tras o 24M, o Consello Nacional puxo en valor o incremento de 43.000 votos fronte as pasadas autonómicas, -nas que habitualmente obtén mellores resultados-, que se duplican as maiorías absolutas, o incremento de concellos onde gobernará (27 municipios), e nos que entrará a formar en alianza con outras forzas políticas.

En todo caso, a formación nacionalista fixo tamén unha análise crítica que lle leva a cualificar de “modestos” os resultados na maior parte das cidades, “moi decepcionantes” no caso de Ourense e Vigo, que “preocupan”.

“Temos por diante un traballo para concretar medidas e procesos que nos permitan reconectar con a base social urbana, coa prioridade da xente moza no ámbito urbano que é un flanco que temos que resolver. A ferramenta das asembleas abertas é un instrumento acaido nesa dirección, pero exploraremos tamén outras fórmulas”, explicaba o portavoz nacional, Xavier Vence.

O Consello Nacional tamén decidiu “reforzar o papel” das asembleas abertas ao considerar “que foi unha ferramenta moi positiva para afondar no diálogo coa base do nacionalismo, -militantes e non militantes-, e para ampliar e reforzar a incidencia social do proxecto nacionalista. “Iso ten que continuar e medrar”, recalcaba Vence.

De feito, o proceso de debate que se abre agora a través das asembleas abertas por todo país e as conclusións e propostas que se deriven dese debate “marcará a estratexia do traballo municipal e nas deputacións, así como a estratexia de cara ás futuras citas electorais”.

Neste sentido, preguntado pola fórmula de concorrencia ás eleccións xerais, Vence salientou que será precisamente no seo das asembleas abertas onde se produza ese debate “tendo en conta que o obxectivo é acadar unha gran representación nacionalista no Congreso para que Galiza como nación este presente, con grupo parlamentario propio”.

A denominación e a fórmula de concorrencia concreta xurdirá dese debate nas asembleas abertas e, a partir de aí, “trasladaremos ao resto da cidadanía e das forzas políticas que queiran participar nunha gran convocatoria por Galiza para ter unha representación potente no Congreso e, con todos eles, consensuar a fórmula e a marca concreta para esa concorrencia”, aclarou o dirixente nacionalista.

Igualmente, o Consello Nacional valorou a posibilidade de entrar no goberno nas deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. A postura do Bloque é que estas entidades deben desaparecer e as súas competencias pasar aos concellos ou a estruturas comarcais pero, mentres isto non sucede, -é preciso modificar a Constitución-, fíxase como obxectivo que funcionen con transparencia, de xeito democrático, libres de clientelismos e con criterios que contribúan ao reequilibrio social e territorial.

“O criterio do BNG será redefinir o papel das deputacións en relación aos concellos para reforzar a capacidade destes para sacar adiante proxectos ambiciosos en materia social, emprego e servizos públicos”, explicou o portavoz nacional.

Ademais, o Consello Nacional analizou a situación específica nas grandes cidades, desde a perspectiva de que a cidadanía, -coa excepción da contundente vitoria en Pontevedra-, situou o Bloque na oposición. Neste sentido, o Consello Nacional traslada ás asembleas abertas a recomendación de votar na sesión de investidura a favor dos candidatos alternativos ao PP sen entrar a formar parte deses gobernos.

En todo caso, esta recomendación aprobada polo CN será contrastada a nivel local, sempre deixando claro que serán as asembleas abertas as que teñan a última palabra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG