As bases pechan o debate nas asembleas comarcais con 221 emendas ao relatorio do Consello Nacional

As 25 asembleas comarcais abertas do BNG celebradas por todo o país pecharon o proceso de debate das bases coa aprobación de 221 emendas ao relatorio oficial, tras unha nutrida participación con preto de 1.500 militantes e simpatizantes. Esas emendas serán analizadas no Consello Nacional deste sábado, aínda que as que non sexan aceptadas ou transacionadas pasan a ser igualmente debatidas na XV Asemblea nacional.

Encontrol nacional BNG-Asembleas Abertas

Estas emendas procedentes das comarcas súmanse aos 19 votos particulares presentados por integrantes do Consello Nacional, -a aspectos concretos como no caso dos formulados por Adrián Dios, Xavier Vence, Matías Rodríguez, Ana Miranda e Xosé Manuel Marcote conxuntamente-, e os dous votos particulares á totalidade redactados por Alba Nogueira e Carme Adán e Tereixa Paz. Todos recibiron máis do 50% dos votos nas asembleas comarcais de Allariz-A Limia, Monterrei, Celanova, A Estrada, A Mariña, O Condado e O Morrazo.

Militantes e simpatizantes tamén expresaron as súas propostas para a conformación dos órganos de dirección, facilitando un total de 146 nomes dos que sairá o portavoz ou a portavoz nacional, e os restantes 49 integrantes do Consello Nacional elixibles no conclave do 28 de febreiro. De aí sairá unha proposta de candidatura na reunión deste sábado, tendo en conta ademais a paridade de xénero e o equilibrio territorial e sectorial.

En todo caso, o prazo de presentación de candidaturas conclúe o martes 25 de febreiro. Subliñar, ademais, que por primeira vez a militancia na emigración poderá votar de xeito telematico tanto as teses políticas como as candidaturas aos órganos de dirección.

O Consello Nacional do sábado ditaminará e ordenará toda a documentación oficial final, que será remitida de novo á militancia de cara ao debate e votación na cita do 28 de febreiro no Palexco na Coruña, que se celebra baixo o lema Autoorganización, autogoberno, autodeterminación. Esa documentación estará integrada polo relatorio político oficial, -modificado se fose o caso coa incorporación de emendas-, polas emendas chegadas das comarcas que non logren ser incluídas ou transacionadas, e polos votos particulares presentados por membros do Consello Nacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG