Néstor Rego traslada a Pedro Sánchez as propostas do BNG para atallar a crise do coronavirus

Videoconferencia
Videoconferencia

O deputado nacionalista lembrou que aínda fai sentido fechar Madrid, ao ser a cidade o foco máis grande de contaxios, e que se blinde Galiza.

Aínda que tería preferido optar polo apoio ás Comunidades Autónomas que xa actuaran e a coordinación dos esforzos en vez da  centralización absoluta das decisións, o BNG manifestou a máxima disposición a colaborar para frear a pandemia.

Rego pediu a Sánchez que se introduzan medidas sociais e económicas para protexer os sectores que poden resultar máis afectados pola crise, en especial traballadores e traballadoras e autónomos.

Néstor Rego conversou esta tarde con Pedro Sánchez, a través de videoconferencia, para trasladarlle as medidas que propón o BNG para frear a crise do COVID-19 e tamén para atallar as consecuencias sociais e económicas que pode provocar.

Partindo da experiencia de países como a China ou Italia, o BNG defende que para a contención é fundamental illar os principais focos de contaxio. Por iso entende que aínda é preciso fechar Madrid, comunidade que aglutina máis de 45% de casos de positivos de coronavirus en todo o Estado. Ao mesmo tempo, defende blindar a Galiza para evitar novos contaxios chegados do exterior como os que xa están documentados. O exemplo de Portugal, fechando as súas fronteiras, é o que debe ser seguido.

Canto á xestión da crise, o BNG tería preferido a opción de apoiar os esforzos dos gobernos que xa estaban a actuar de forma contundente en vez da centralización absoluta na toma de decisión pola que optou o goberno. Con todo, desde a responsabilidade de considerar que agora o fundamental é frear a pandemia, o deputado nacionalista manifestou a plena disposición do BNG a colaborar en todas as medidas que vaian nesa dirección.
No referente ás medidas socioeconómicas o BNG trasladou ao Presidente do goberno español a necesidade de garantir que  non se vulneran os dereitos dos traballadores e traballadoras como resultado desta crise. A comezar por vixilancia para evitar que as empresas utilicen a situación social actual para EREs ou ERTEs inxustificados.

Tamén instou o goberno a aprobar medidas de protección social que compensen as consecuencias negativas que pode traer o cesamento de actividades económicas. Entre elas, garantir que nos casos de paso ao desemprego, non compute o tempo de excepcionalidade, que se garanta unha remuneración equivalente á que se tiña ou se sexan condonados -con cargo á débeda dos bancos en relación ao rescate bancario- polo menos tres meses de cotas das hipotecas. Igualmente no caso dos alugueres e apoio económico para facer fronte a servizos esenciais como auga ou luz. No caso das persoas autónomas, o BNG reclama a condonación da cota de autónomos durante tres meses, para alén de medidas de apoio económico polas perdas provocadas pola crise e o estado de alarma.

Para facer fronte ao gran impacto que a crise do coronavirus está a ter na economía, o BNG propón a creación dun fondo de continxencia económica suficiente para afrontar medidas excepcionais e a eliminación dos obxectivos de déficit e estabilidade así como das limitacións á contratación de persoal por parte das administracións públicas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG