Néstor Rego: “O Goberno non cumpre coa Galiza nos orzamentos para 2023”

Néstor Rego
Néstor Rego

A organización nacionalista apunta a necesidade de aumentar o investimento na Galiza para superar o déficit histórico que sofre o País en materia de mobilidade, sobre todo en infraestruturas ferroviarias, e para unha transición verdadeiramente xusta

O BNG comprométese ao diálogo e a traballar para lograr uns Orzamentos en que o País sexa tratado con xustiza e con máis e mellores políticas sociais.

O Bloque Nacionalista Galego realiza unha primeira valoración do Proxecto de Orzamentos do Estado para 2023 sinalando o estancamento do investimento previsto para a Galiza. O deputado do BNG considera insuficiente a partida total de 1.077M€ e reclamará xustiza para o País para superar o déficit histórico que sofre en materias como a mobilidade, sobre todo en infraestruturas ferroviarias, e solucionar a crise industrial. Así mesmo, a frente comprométese a traballar para mellorar as contías presentadas polo Executivo estatal e desenvolver unha política verdadeiramente progresista, neste proxecto de Orzamento, que axuden a paliar a situación xerada pola crise social e económica e a perda de poder adquisitivo.

“Os orzamentos previstos para 2023 na Galiza estáncanse e son insuficientes. Este investimento, de 1.077 millóns de euros, prodúcese nuns orzamentos que soben no conxunto, nas partidas de investimentos reais e soben na inmensa maioría das Comunidades Autónomas” afirma o deputado do BNG. “Andalucía sobe 2.3%; Cataluña, 3.5%, Madrid, 13,4%; Valencia, 5%. No caso da Galiza só sobe algo máis de 0.2%” enumera o deputado mentres destaca outros incrementos como o de Navarra, que sobe 34.73%, ou Cantabria en 23.06%.

Para a organización nacionalista, este proxecto de orzamentos non atende as necesidades perentorias do presente nin compensan aquelas que se arrastran do pasado. Neste sentido, Rego reclama xustiza para a Galiza -alén de entender que poida existir unha suba no investimento noutros territorios- cun maior incremento dos investimentos no País co obxectivo de superar o déficit histórico que se produce especialmente en infraestruturas viarias, sobre todo ferroviarias, e servizos.

Infraestruturas para a modernización e conexión da Galiza

“Nos investimentos en infraestruturas viarias destacan as partidas para a A-54 entre Santiago e Lugo. Mais tamén é verdade que se deixan partidas para 2024 polo que entendemos que a autovía non vai estar rematada no ano 2023. O Estado non está cumprindo coa execución dos orzamentos previstos” destaca. En opinión do deputado, existe un dobre problema: por unha banda, non se orzamenta o suficiente como para rematar as obras; e por outro, non se executan os orzamentos que previamente se aprobaron. “Esta é unha obra que leva máis de 20 anos en construción. Non é xustificábel esta demora e, este caso, exemplifica moi ben o trato que os diferentes gobernos españois teñen co noso País” denuncia Rego.

Alén desta autovía, outras como a A-76 ou a A-74 non teñen partidas significativas o que “nos leva a pensar que o Goberno do Estado non vai a executar absolutamente nada destas partidas”. De non se corrixir, comarcas como A Mariña continuarán esperando por infraestruturas fundamentais como esta para a dinamización socioeconómica da zona.

No caso das infraestruturas ferroviarias, a organización nacionalista denuncia unha “situación aínda máis grave” porque non se están executando a totalidade das partidas orzamentadas no proxecto de 2022. “Isto supón un engano para a cidadanía da Galiza. Dísenos que existen uns orzamentos -no caso das infraestruturas ferroviarias ascendía a 75 millóns de euros- mais logo non se executan” resume Rego.

Para a variante exterior de Ourense existen partidas, igual que o ano pasado, que non chegan aos 30 millóns de euros. “Este proxecto estaba orzamentado na súa totalidade en, aproximadamente, 600 millóns de euros o que nos indica que, a curto prazo, non teñamos rematadas estas obras” afirma.

“Non existen partidas para a conexión no Eixo Atlántico con Portugal, parécenos grave despois de que o propio Primeiro Ministro portugués presentara a actuación que vai desenvolver para a conexión Lisboa-Porto-Vigo de alta velocidade. Falta o compromiso do Estado español para completar esa actuación no territorio galego que non é nin dificultosa nin custosa” relata o deputado. Para Rego, é unha “cuestión de vontade política”, xa que o tramo por completar é de tan só 15 quilómetros, ademais de entender esta obra como estratéxica para o desenvolvemento socioeconómico da Galiza.

Tampouco existen partidas -ou de existir, son “ridículas”- para a modernización das liñas A Coruña-Lugo, A Coruña-Ferrol, para o baypass de Betanzos. “Son vías que non coñeceron modernizacións desde hai máis de 100 anos. O que reclamamos é que existan partidas orzamentarias suficientes para que estas liñas teñan os estándares que hoxe se exixen, con electrificación, velocidade e unha seguranza adecuada” sinala. Alén do máis, non existe unha partida para o proxecto ferroviario que conecte Santiago de Compostela e Lugo e, mesmo, non existe previsión para a implantación do servizo de cercanías ferroviarias.

De facto, a Ministra do MITMA informaba das actuacións en cercanías e falaba da súa implantación en cinco puntos do Estado: Madrid, Castela e León, Murcia e Andalucía. “Máis unha vez, a Ministra esquece o noso País e esquecendo que a rexión urbana de Vigo, por exemplo, chega a  750.000 habitantes entre Tui e Pontevedra, máis se incluímos Vilagarcía ou a comarca do Salnés” apunta. Neste sentido, a organización nacionalista exixirá explicacións ao Goberno do Estado e rectificar nesta materia para conseguir implantar o servizo de cercanías ferroviarias nas áreas urbanas da Galiza.

Transición xusta para a reactivación da actividade económica e industrial

No relativo á rexeneración das rías, alén da adxudicación para a limpeza na Ría do Burgo, non existen partidas que favorezan solucionar o problema de saneamento no resto de rías. “Isto supón, con maior ou menor gravidade, limitar a capacidade produtiva das rías que podería ser 10 veces superior. Estamos falando da Ría de Ferrol, a Ría de Muros-Noia ou a Ría de Vigo” salienta o deputado. Rego anuncia que reclamarán partidas específicas para o saneamento e a rexeneración das rías galegas para recuperar a calidade das augas e incrementar a capacidade produtiva das rías que “é fundamental para o sector marisqueiro”.

“O Goberno non quere tentar resolver a crise industrial que arrastra o noso País desde hai anos en sectores como a industria electro intensiva, a xeración de enerxía -co fechamento das térmicas e a ausencia de alternativas laborais no territorio a través do investimento público do Estado-, ou o naval” asevera Rego. O deputado pon o caso de Navantia que, aínda que existen partidas, son “insuficientes para convertela verdadeiramente nun complexo industrial integral e que basee a súa actividade na construción naval civil, con independencia de que manteña a construción militar ou outras actividades como a eólica mariña”.

Políticas públicas “verdadeiramente” progresistas

“Se ben o Goberno revaloriza as pensións, PSOE e UP continúan incumprindo o compromiso de incrementar as pensións mínimas. É unha cuestión fundamental para a Galiza e o resto do Estado” subliña Rego mentres lembra que esta medida axudaría a reducir a fenda de xénero e a territorial.

Así mesmo, urxe a suba do Salario Mínimo Interprofesional a través do Proxecto de Orzamentos para 2023. “Estamos falando de que as persoas que menos percepcións salariais perderon poder adquisitivo. Máis se falamos dos galegos e galegas, posto que a inflación está un punto por riba da media do Estado” anota. Así mesmo, para Néstor Rego “é claramente insuficiente” a suba dos salarios dos empregados públicos xa que, en 2022, ficarían en 3.5% mais “estamos falando de 9% de inflación co que supón 5 puntos porcentuais da perda de poder adquisitivo”.

O deputado do BNG sinala a necesidade de estabelecer como permanentes -e non temporais como formula o executivo- os impostos ás grandes fortunas, á banca e ás enerxéticas “ademais de ir acompañado dunha baixada de impostos no IVE a aqueles produtos e servizos que son esenciais”. Entende que o Goberno do Estado debe levar a cabo unha reforma fiscal máis xusta e redistributiva.

No que ten a ver coa vivenda, Rego apunta que as competencias son propias das Comunidades Autónomas e “o Goberno do Estado xa pode facer actuacións que se nega a facer como a transferencia dos 3.000 inmóbeis da SAREB á Galiza para posibilitar unha política de vivenda pública e unha vivenda de aluguer”.

Finalmente, no gasto militar Rego cualifica de “aberrante” que, nunha situación de crise social e económica extrema, o Goberno decida un incremento de máis de 3.000 millóns de euros nesta materia. “Non se xustifica de ningunha maneira. Ocultan que hai partidas vinculadas a outros ministerios que, no ano 2022, suman un total de 22 mil millóns de euros e que, en total, estaban preto de 2% e non de 1% tal e como afirmaban” recrimina.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG