Galegas 2020

Montse Prado insta á Xunta a anular as taxas abusivas de Portos de Galiza ás terrazas

Hostalaría
Hostalaría
A candidata do BNG mantivo un encontro co sector hostaleiro para abordar o  incremento das  taxas da Xunta a veladores na zona portuaria que ocupan un maior espazo como obra o distanciamento da COVID-19

Prado acusa a Portos de Galiza practicar unha “manobra especulativa ” ao cobrar dez veces máis que os concellos polas terrazas.

A candidata do BNG pola provincia de Pontevedra, Montse Prado mantivo hoxe un encontro con representantes da hostalaría da Guarda, Fisterra, Ribeira, O Grove, Nigrán, Moaña e Poio,  “un dos sectores máis prexudicados pola crise da COVID-19” con establecementos en terreos aos que Portos de Galiza pretende aplicar “unhas taxas abusivas”.

No encontro telemático, Prado puxo de releve que a crise da Covid-19 obrigou a  modificar as condicións de traballo destes negocios  coa redución de número de mesas e aforos interiores dos locais. Para a candidata, esta circunstancia   fai imprescindíbel o uso das terrazas para manter os negocios e os postos de traballo directos e indirectos vencellados ao sector e resulta  “ incomprensíbel” que a Xunta de Galiza en vez de axudar ao sector  anulando as taxas mentres duren os efectos da pandemia e non se normalice a situación, decide seguir “cobrándoas e incrementando a recadación” por utilizar un  maior  espazo para manter as distancias de seguridade.

A nacionalista asegura que as  taxas que cobra Portos de Galiza son “abusivas” e mesmo supera en dez veces as aplicadas polos concellos. Os negocios ubicados nestes espazos, engade Prado,  teñen unha ampla dependencia do período estival e como confirmaron os representantes da hostalería de Fisterra,  30 metros cadrados custan 500 euros e nas  terrazas cubertas o prezo ascende a 12.500 euros por seis meses. Desde o BNG, recalcou a candidata, “compartimos o malestar do sector e facémonos  eco das súas xustas demandas” polo que instou a  Portos de Galiza a deixar  “sen efecto” o cobro desas taxas de ocupación mentres non se normalice a situación.

Prado lamenta  que Portos de Galiza,  lonxe de comportarse como unha administración que traballa para solucionar os problemas dos colectivos cos que ten relación, se mova por ” puro afán desmedido por facer caixa”, e  “unha falta total de diálogo co colectivo”.

Para a nacionalista, o PP mantén “unha postura escapista” e fuxe  das súas obrigas cando resulta, máis necesario que nunca, apoiar ao  sector  da hostalaría e non  “abafalo” aínda máis  cunhas taxas de ocupación do espazo público desmesuradas, que pode levar ao peche de numerosos locais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG