Senado

Da Silva advirte ao Goberno: “Se financian Altri, serán cómplices desta bomba ambiental no corazón da Galiza”

A senadora do BNG exixe a Aagesen denegar o financiamento público con fondos europeos a Altri e rexeitar a implantación deste proxecto en Palas de Rei

Carme da Silva durante a comparecencia da responsábel de carteira para a Transición Ecolóxica: “aclare a posición do Goberno do Estado a respecto deste proxecto prexudicial para a Galiza”

A senadora do BNG, Carme da Silva, exixiu ao Goberno, durante a comparecencia da Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica, denegar o financiamento de Altri con fondos públicos e rexeitar a implantación da macrocelulosa no corazón da Galiza. O PERTE de descarbonización, rexido por criterios estabelecidos pola Unión Europea, non contempla financiar proxectos industriais altamente contaminantes e se o Goberno do Estado permitise o financiamento de Altri con recursos públicos, sinala Carme da Silva, estaría sendo cómplice da bomba ambiental. O BNG lembra que este proxecto conta co rexeitamento da organización nacionalista, así como da inmensa maioría da sociedade galega.

O BNG, explica a senadora nacionalista, continuará exercendo presión sobre o Goberno do Estado para que non se converta en cómplice desta bomba ambiental e social. “O Executivo debe impedir que este proxecto avance. Non pode permitirse avalar con cartos públicos unha industria altamente contaminante que destrúe os recursos naturais e hipoteca o futuro da nosa terra” manifestou da Silva. Neste sentido, asegurou que calquera tipo de financiamento público a Altri sería un insulto á cidadanía galega e un incumprimento dos compromisos ambientais do Goberno.

“A empresa lusa avanzou que, de non recibir recursos públicos, a macrocelulosa non se instalaría en Palas de Rei. Dos 900 millóns de euros que custaría a instalación deste proxecto, pretenden que 250 millóns saian de recursos públicos a través do PERTE de descarbonización” recorda Carme da Silva. Con todo, estes fondos europeos estabelecen criterios para a súa percepción que van na liña contraria ao proxecto industrial polo que a senadora nacionalista exixe á responsábel de Transición Ecolóxica que faga valer os criterios ambientais e o Goberno rexeite este proxecto.

Non ser cómplices de Altri, como o PP na Xunta de Galiza

Por outra parte, a organización nacionalista lembrou o papel que está a desenvolver o Partido Popular de Galiza á fronte da Xunta que mesmo chegando a exercer presións ao persoal da Administración. “É un atentado contra o País, contra o territorio, contra o Ulla, a Ulloa e a ría de Arousa promocionado polo Partido Popular que xa decidiu hai tempo autorizar a macrocelulosa” incidiu.

Neste camiño, denuncia a senadora do BNG, Augas de Galiza –organismo dependente da Xunta de Galiza- vén de realizar a autorización de Altri para a súa instalación en Palas de Rei, supondo para o BNG un “exemplo de corrupción ambiental de libro”. A mesma consultora, recorda Carme da Silva, que desbotou proxectos máis pequenos por contaminar o Eume, acaba de facer un informe favorábel no Ulla.

Rexeitamento do proxecto pola inmensa maioría do pobo galego

Durante a comparecencia da Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, a senadora nacionalista destacou que a oposición do BNG ao proxecto de Altri “non é unha posición illada, senón que reflicte a voz da inmensa maioría da sociedade galega”. Púidose comprobar o pasado mes de decembro cunha mobilización histórica na Praza do Obradoiro onde se baleirou e encheu até en catro ocasións. “Máis de 100 000 galegos e galegas que se mobilizaron ese día para dicir alto e claro Altri non” subliña a senadora do BNG.

Así mesmo, lembra as máis de 23.000 alegacións presentadas a este proxecto durante a súa exposición pública que demostran un rexeitamento documentado e argumentado pola cidadanía, os colectivos ecoloxistas, as e os mariscadores, sindicatos e outras entidades sociais que alertan das consecuencias devastadoras que tería a implantación desta macrocelulosa.

Sobran motivos para que Altri non se instale na Galiza

A nivel ambiental, da Silva denunciou que a implantación desta industria suporía unha ameaza irreversíbel para os ecosistemas galegos. “Falamos dunha enorme contaminación do aire, cun aumento da emisión de gases prexudiciais para a saúde e a calidade de vida das persoas, explicou. Ademais, o impacto nas augas sería demoledor, con verteduras que afectarían ao río Ulla, reducindo a calidade da auga potable e prexudicando as zonas marisqueiras. “A maior eucaliptización de Galiza, derivada deste proxecto, agravaría a perda de biodiversidade e aumentaría os riscos de incendios forestais” alerta a senadora do BNG.

Do punto de vista socioeconómico, a senadora nacionalista evidenciou que a macrocelulosa non creará riqueza nin emprego estábel, senón que eliminará postos de traballo. “O sector agrogandeiro, o pesqueiro e o marisqueiro son parte fundamental da nosa economía e dependen directamente dun medio natural san e produtivo. Este proxecto pon en risco a viabilidade de centos de explotacións agrarias e marisqueiras que xa están nunha situación delicada” denunciou. Ademais, asegurou que a promesa de creación de emprego por parte da empresa é unha falacia, xa que a automatización da produción limitará a contratación e precarizará as poucas oportunidades laborais que poidan xurdir.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG