congreso

BNG urxe o Goberno do Estado a topar o prezo dos alimentos

Néstor Rego
Néstor Rego

“Non somos partidarios de confiarlle ao raposo o coidado do galiñeiro” sinala Rego en referencia ás grandes distribuidoras que continúan sen baixar os prezos dos alimentos

A frente nacionalista defende que sexan os poderes públicos, a través de normas claras e obrigatorias, os que estabelezan os topes na cesta básica: “os prezos deben estar controlados”

Néstor Rego defende a supresión do IVE do peixe e produtos do mar para favorecer o seu consumo, contribuír na prevención de enfermidades cardiovasculares e acompañar a recuperación do sector pesqueiro

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado actuacións eficaces para impedir que os prezos dos alimentos continúen subindo e urxe a estabelecer, a través de normas claras e de obrigado cumprimento, un tope aos produtos dunha cesta básica da compra. A “idea” do Goberno español de deixar que sexan as distribuidoras as que se autorregulen é para Rego, “confiar ao raposo o coidado do galiñeiro, e iso xa sabemos como acaba; máis aínda se temos en conta que o Goberno renunciou a controlar que as empresas  non ficasen coa contía do IVE nos produtos en que foi eliminado, nunha evidente fraude á cidadanía”. Neste sentido, a frente nacionaliste reitera a necesidade de que o Goberno interveña o mercado, topando prezos, e aplique outras medidas como a supresión do IVE no peixe e produtos do mar.

O Banco de España alertou esta semana de que os prezos dos alimentos seguirán subindo aínda máis nos próximos meses. Esta situación está a afectar gravemente as economías familiares, especilamente das clases populares, creando unha auténtica crise de prezos que dificulta ás persoas e fogares adquirir produtos básicos e chegar a fin de mes. Mais, esta situación tamén está a afectar aos produtores, xa que non son eles, senón a distribución, quen se está a beneficiar da alza  dos prezos dos alimentos.

“As medidas que estabeleceu o Goberno do Estado, tal e como sinalamos xa no seu momento, son insuficientes e ineficaces para impedir que os prezos sigan subindo” explica o deputado do BNG. De facto, segundo os datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) os alimentos encareceron 15%, a pesar de as medidas seren aprobadas en decembro.

A supresión do IVE en produtos básicos, a rebaixa de 10 a 5 % no caso da pasta e o aceite de oliva e a axuda de 200 euros para familias vulnerábeis -que deixa fóra as persoas que perciben o IMV ou unha pensión, medida errónea- están a ser un fracaso, segundo explica a frente nacionalista. Con todo, o Goberno “continúa negándose a adoptar medidas que topen ou limiten a subida dos prezos, limitándose a apelar á boa vontade e empatía das grandes cadeas alimentarias”. “No BNG non somos partidarios de confiarlle ao raposo o coidado do galiñeiro, porque iso xa sabemos como acaba; máis aínda se temos en conta que o Goberno renunciou mesmo a controlar que as empresas non ficasen coa contía do IVE nos produtos en que foi eliminado, nunha evidente fraude á cidadanía”” explica Rego en referencia ás grandes distribuidoras.

“Demandamos, en moitas ocasións, estabelecer un tope aos prezos dunha cesta básica da compra, especialmente da alimentación porque é evidente que as medidas que levou a cabo até o de agora o Goberno non son tan efectivas como topar o prezo” afirma o deputado do BNG. Estabelecer este tope, continúa Rego, permitiría a accesibilidade a unha cesta básica da compra a todas as persoas, familias e fogares e “acceder a unha alimentación de calidade e saudábel”.

En opinión do deputado nacionalista, deben ser os poderes públicos, a través de normas claras e de obrigado cumprimento, os que estabelezan os topes e a cesta básica en que os prezos deben estar controlados. “Reclamamos, máis unha vez, aos partidos do Goberno -PSOE e UP- que o fagan canto antes porque a situación é extremadamente difícil” asevera.

Baixada do IVE do peixe e produtos do mar

“O Goberno do Estado decidiu baixar o IVE de varios produtos de alimentación mais non os produtos en que se debería de ter aplicado esta rebaixa, tal e como vimos reclamando no BNG desde hai anos” apunta Rego. A frente nacionalista sinala, máis unha vez, a necesidade de baixar o IVE do peixe e os produtos do mar “para favorecer o seu consumo e acompañar na prevención de enfermidades cardiovasculares, así como contribuír á recuperación do sector pesqueiro”.

A organización nacionalista non entende como o executivo do Estado se nega a favorecer o consumo deste tipo de produtos: “tamén son alimentos esenciais e básicos nunha dieta equilibrada e esta medida permitiría que, sobre todo, as familias máis vulnerábeis, puidesen acceder a eles” conclúe Rego.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG