O BNG propón unha Lei Galega para as persoas con discapacidade que blinde unha atención integral

Xornada discapacidade
Xornada discapacidade

Xornada de traballo no Parlamento coas entidades que representan a estes colectivos para analizar as súas demandas en materia de accesibilidade, laboral, educativa e socio-sanitaria

O BNG propón unha Lei Galega para as persoas con discapacidade que blinde unha atención integral

O Grupo parlamentario do BNG celebrou unha xornada de traballo coas entidades e organizacións máis significativas que atenden a diferentes colectivos de persoas con diversidade funcional. Entre as participantes, ONCE Galicia, FADEMGA Plena Inclusión, COGAMI, FAXPG, FEAFES Galicia, DOWN Galicia, AUTISMO Galicia, FEGADACE,  FAGAL, ASPACE Galicia e CERMI Galicia.

O obxectivo foi coñecer de primeira man as demandas prioritarias en diferentes ámbitos, socio-sanitario, educativo, laboral e accesibilidade universal para as persoas representadas por estas entidades e para o conxunto da poboación que, nun momento dado, por sofren algún tipo de discapacidade.

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu a xornada de debate propoñendo a elaboración dunha Lei galega de dereitos das persoas con discapacidade, que blinde unha atención integral a estes colectivos, que recoñeza dereitos e que estea dotada de orzamentos.

“Sería necesario que en Galiza tivésemos unha Lei de atención ás persoas con discapacidade que blinde dereitos e organice unha atención integral, porque as persoas temos que ter dereitos e non caridade nin esmolas”, salientou Pontón “unha lei que recolla e garanta todos os aspectos que deben formar parte das políticas de atención ás persoas con discapacidade e que teña orzamentos, cuestión imprescindible porque de nada serven leis placebo que se publican no DOG pero que non poden aplicarse por falta de recursos”.

Xornada discapacidadeNo ámbito normativo, o BNG tamén amosou o seu total apoio a demanda das entidades de crear unha Comisión parlamentaria sobre a discapacidade que dea voz a todos os colectivos e organismos que traballan pola integración social das persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional.

Esa comisión parlamentaria é considerada “unha materia pendente” en palabras do presidente da ONCE en Galiza, Carlos Fernández, que van seguir reivindicando e que o día que se consiga “será unha vitoria da sociedade”.

Avanzar na accesibilidade foi un dos aspectos máis demandados durante esta xornada de traballo con reiteradas denuncias ao incumprimento da normativa en vigor, nunha cuestión clave porque, argumentan, a accesibilidade en bens, servizos e produtos “marca a diferencia entre ter unha vida digna ou non tela”.

Incumprimento normativa accesibilidade

“As leis non se compren, nin sequera en aspectos tan concretos como a eliminación de barreiras arquitectónicas”, salientou Pontón, quen propón un gran acordo entre todas as partes implicadas como os colectivos sociais afectados, os profesionais da arquitectura e do urbanismo, as forzas políticas e as administracións públicas para facer realidade o que está recollido na normativa de accesibilidade,  “e  conseguir unha sociedade máis inclusiva”.

Pontón trasladou o agradecemento e o recoñecemento do BNG a todas as entidades que traballan pola inclusión social, que afectan non só ás persoas con discapacidade senón tamén ás persoas maiores, nun país cunha poboación moi envellecida, ademais de salientar que todas as persoas poden ser susceptibles de ter unha discapacidade. “Grazas polo voso tempo e polo voso traballo co que facedes que este sexa un país cada día máis xusto”, concluíu.

A xornada de traballo, coordinada pola deputada Montse Prado, contou coa participación de todo o grupo parlamentario do BNG.