BNG propón un centro de almacenamento de enerxía nas Pontes dentro dos proxectos financiables con fondos europeos

Presentación Ferrolterra
Presentación Ferrolterra

Pontón explicou en Ferrol os proxectos para o sector enerxético e industrial recollidos no Xerar Futuro, Galiza Next por valor de 1.162 M€

Aposta por converter Galiza en líder de enerxías renovables e eco-sociais, tendo en conta que o País é unha potencia en produción de electricidade

Pon como obxectivo que a industria represente o 25% do PIB en 2030

BNG propón un centro de almacenamento de enerxía nas Pontes dentro dos proxectos financiables con fondos europeos

BNG elixiu Ferrol para presentar as súas propostas para reactivar o sector industrial e enerxético que recolle no documento Xerar Futuro, Galiza Next, programa presentado pola formación nacionalista para mobilizar un investimento de 14.380 M€ en dez anos, con cargo aos fondos de recuperación europeos, cifra da que 1.162 M€ son para poñer en marcha as actuacións relativas a eses dous sectores.

En relación ao sector enerxético o investimento os proxectos suman 412 M€ para unha estratexia que ten como obxectivo converter Galiza en líder en enerxías renovables e eco-sociais, “tendo en conta que somos unha potencia en produción eléctrica”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, durante a presentación. 

Como punto de partida, o Bloque aposta por unha planificación dese o público, e para iso propón unha empresa pública de enerxía cun capital de 50 M€, “desde a que dirixir a transformación enerxética e marcar a estratexia que lle permita a Galiza beneficiarse do feito de ser produtora neta de electricidade. O rescate das concesións hidroeléctricas sería un dos obxectivos desta empresa pública”, indicou.

Outra das propostas é a posta en marcha dun Centro de almacenamento de enerxía cun investimento de 100 M€, “porque a capacidade para almacenar enerxía é unha cuestión clave para afrontar a descarbonizción e unha transición enerxética xusta”, indicou Pontón, quen tamén explicou porqué este centro debe  estar no concello das Pontes.

“É a ubicación perfecta pola súa experiencia no sector enerxético e pola urxencia de darlle alternativas ao peche de ENDESA. Noutras palabras, convertamos a transición enerxética nunha oportunidade, de tal xeito que as instalacións do centro de almacenamento vaian en paralelo á instalación de fontes renovables no propio concello”, salientou.

Entre as proposta enerxéticas, a constitución de Comunidades locais de enerxías renovables, -figura xurídica que xa existe na UE-, cun investimento  de 212 M€, “para avanzar no beneficio social da enerxía entendida como un ben público e non como mercadoría con beneficios millonarios para un puñado de multinacionais”, indicou a líder nacionalista, “promovendo un sistema máis eficiente, máis xusto e colaborativo dos recursos enerxéticos”.

En canto ás medidas para impulsar o sector industrial, Xerar Futuro, Galiza Next  parte da premisa de que este País precisa con urxencia unha estratexia industrial capaz de xerar valor engadido e emprego nos sectores con máis potencial: naval, automoción, aeroespacial, robótica, químico-farmacéutico, forestal, agrogandeiro e mar-industria.

Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial

“O obxectivo deste plan é conseguir que no prazo dunha década o sector industrial aporte o 25% do PIB galego, e para iso propoñemos un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial a dez anos e cun investimento de 1.250 M€, para a promoción dun tecido industrial orientado á creación de valor engadido e emprego de calidade”, indicou.

Destacou a proposta dun centro de reparación naval na Ría de Ferrol, unha vella demanda que se pode financiar con cargo aos fondos europeos de recuperación.

“Non me canso de dicilo, se algo precisa esta comarca é compromiso político para poñer en marcha unha estratexia de futuro.  E non relativo ao sector naval, o problema de fondo sigue aí: o acceso á construción naval civil, vetada na práctica, e non hai ningunha folla de ruta para captar carga de traballo nas reparacións, na eólica mariña, en carenas e outros nichos de mercado dentro deste sector”, argumentou.

Plan de rexeneración produtiva das rías

Pontón tamén explicou o Plan de rexeneración produtiva das rías, cun investimento de 1.096 M€, un dos plan estratéxicos de Xerar Futuro, Galiza Next.

“Un proxecto de país que ten por obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, que recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambienta, investigación científica e comercialización e transformación”, explicou.

No ámbito da recuperación ambienta inclúe recuperar todas as rías máis contaminadas, Completar e modernizar a rede de saneamento dos concellos a carón das rías, que deben ter unha depuración integral das augas residuais, recuperación de espazos danados por obras públicas para restablecer no posible á situación previa e rexeneración dos fondos das rías a través das necesarias dragaxes adaptadas as necesidades de cada ría.

En definitiva, Xerar Futuro, Galiza Next “é unha proposta do BNG para converter esta crise nunha oportunidade, para conseguir que tras a pandemia emerxa a Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista”, concluíu Pontón unha presentación na que tamén participou o deputado de Ferrol Ramón Fernández e o portavoz municipal, Iván Rivas.

 

BNG propón un centro de almacenamento de enerxía nas Pontes dentro dos proxectos financiables con fondos europeos