BNG alerta do grave impacto da eólica mariña na pesca e acusa á Xunta de falta de transparencia na tramitación dos proxectos

Xornadas de pesca en Celeiro
Xornadas de pesca en Celeiro
Ana Miranda e Daniel Castro defenden en Celeiro que o litoral galego sexa declarado espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños 

No marco das xornadas de pesca de Celeiro, que se están celebrando neste porto da Mariña, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda e o deputado do Parlamento galego desta comarca, Daniel Castro, alertaron das graves consecuencias que teñen os parques eólicos mariños na actividade pesqueira e do escurantismo do goberno do PP ao respecto. “Estamos diante dun goberno que nin explica a que vai dedicar os fondos europeos nin que pasos está dando sobre a tramitación dos proxectos da eólica mariña”, salientou Miranda.

“Dende o BNG defendemos a necesidade de declarar o litoral galego como espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños, tal e como xa teñen manifestado as nosas deputadas no Parlamento Galego”, subliñou o deputado Daniel Castro, quen sinala o impacto que terían nas áreas delimitadas polos aeroxeradores como nos fondos mariños afectados polo trazado do cableado até a costa. 

Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa indicou que as instalacións eólicas mariñas afectarían á actividade acuícola de Galiza para a cría, cultivo e recollida de peixes, crustáceos, moluscos e algas, así como respecto ao intenso tráfico comercial que soporta a costa galega. “Como pensa o goberno galego solventar o problema de seguridade que suporía a instalación dos parques mariños?”, preguntou Miranda no transcurso do debate público das xornadas, ás que asistiu xunto a responsables do BNG da comarca da Mariña.  

Xornadas de pesca en Celeiro“É tremendamente curioso que o goberno galego non explique como pensa artellar a instalación da eólica mariña mentres que Iberdrola xa solicitou a instalación de dous parques, un na Mariña e outro en Ortegal. Que sabe esta empresa que a cidadanía non coñece? Por que o goberno galego non o explica?”, manifestou Daniel Castro sobre estes parques, que contan con 490 Mw cada un e as súas liñas de evacuación e subestación en terra.

Pesca artesanal

Por outro lado, a portavoz do BNG en Europa salientou a especificidade da pesca artesanal galega e defendeu que a frota artesanal sexa excluída do novo regulamento de pesca. Neste sentido acusou a PP e PSOE de defender unha cousa en Bruxelas, onde votaron a favor, e manifestar outra en Galiza, “onde din estar en contra”, apuntou Ana Miranda. “Galiza é unha nación pesqueira e así debe ser defendida, aquí, en Madrid e en Bruxelas”, subliñou ao tempo que explicou que a definición de pesca artesanal debe recoller o uso de artes sostibles, a realización da actividade en augas interiores, e a venda de produto fresco.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG