Vence cualifica de "tomadura de pelo" a reunión de Tejerina co Sector leiteiro

  Xavier Vence afirma que as decisións do Goberno central e o “desleixo” da Xunta explican que en Galiza o prezo do leite estea 8 ou 9 céntimos por debaixo doutras Comunidades autónomas

Xavier Vence valora a reunión de Tejerina co sector leitero

 O Portavoz nacional do BNG, Xavier Vence culpou hoxe ao Goberno central e ao “desleixo da Xunta” da grave crise do sector lácteo galego, e cualificou a reunión da ministra de Agricultura Isabel García Tejerina, de “tomadura de pelo” ao sector.

Nesa reunión, abondou, a ministra presentou un documento de 12 liñas trufado de propostas xenéricas e “cantos á boa vontade” ás industrias e distribuidoras para resolver un problema derivado dos intereses das propias industrias recollidos na lei do Partido popular.

A Xunta ten que intervir no mercado para impedir o abuso das industrias e distribuidoras

Vence considerou que a estas alturas, tanto a ministra como a conselleira e o propio Feijóo tiñan que defender “medidas claras e contundentes” de acción de goberno para regular e intervir no mercado e a industria e obrigar que se cumpran os contratos garantindo as compras “por riba dos custes de produción” porque o resto, dixo, é “dumping” e debería ser ilegal.DSC_0014

Dende o BNG, agardabamos un compromiso da ministra Tejerina para intervir nun mercado que sen regulación pública, estatal e da Xunta condenará ao sector leiteiro galego o “esmorecemento”. Onte na reunión quedou patente que a situación de Galiza é “a máis grave e estrema”, onde os prezos medios sitúanse nos 27 céntimos, “8 ou 9 céntimos por debaixo doutras comunidades como, Andalucía ou o País Vasco”, e con explotacións que están producindo “a perdas” durante moitos meses.

A situación estrema do sector leiteiro é resultado dunha PAC lesiva para o sector

Neste sentido, o portavoz nacionalista lembrou que a nova PAC foi aplicada polo Partido popular ao que sumou a medida de liberalización do sector da distribución e servizos sen mediación do Goberno. A lei da cadea alimentaria aprobada polo PP, recalcou, ”estrangula ao sector produtor” e pono nas mans dos intereses das grandes distribuidoras que marcan “unilateralmente as condicións”.

Tejerina acusa a Galiza de non tomar medidas estruturais

Na comparecencia ante os medios de comunicación para valorar a reunión co sector lácteo, o portavoz do BNG afirmou que a “Feijóo debería caerlle a cara de vergonza” despois de que a propia ministra acusara ao goberno galego de “non tomar ningunha medida importante para estruturar o sector”.

A ministra constatou onte “o abandono da Xunta” que explica a situación diferente de Galiza a respecto do resto das comunidades autonómas e tamén explica que teñamos o “prezo máis baixo de todo o Estado”.DSC_0007

O BNG inicia unha campaña baixo o lema “Queremos producir”

Finalmente, o portavoz nacionalista anunciou a campaña do BNG, que comezará maña baixo o lema “Queremos producir”, e o apoio a todas ás mobilizacións previstas polo sector. Entre as reivindicacións, Vence destacou a creación dun grupo lácteo de base cooperativa que permita boas condicións do prezo do leite ademais de diversificar os produtos derivados lácteos para xerar emprego e riqueza, así como unha Mesa interprofesional para negociar colectivamente os prezos.

Mobilizacións: Día 20- Vilalba, día 21 - Ordes, día 25 - Sarria e o día 27 en Teixeiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG