Davila urxe a Rajoy a reformar a Lei Hipotecaria para rematar co drama dos desfiuzamentos

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interviu esta mañá no Pleno no que comparecía o Presidente do Goberno español para pedirlle unha reforma urxente da Lei Hipotecaria.

A deputada do BNG reprochou a Rajoy “outro Consello Europeo fracasado. Un Consello para revisar o Pacto sobre o crecemento e Emprego aprobado en xuño, pero vosté levaba na carpeta un pésimo balanzo. Un desorbitado medre do paro, do 25% e un agravamento da recesión”, e moi lonxe das conclusión do Consello de apostar polo I+D+I e políticas de medre. Nese sentido, mencionou os Orzamentos Estado 2013 como mostra “da ausencia de políticas de estímulo e políticas que aposten polo emprego. Só hai recorte se o pago dos intereses da débeda á banca”.

Tax Lease: Davila exixe respostas.

A deputada do BNG puxo enriba da mesa a cuestión do Tax Lease. “Teñen por fin unha data para solucionar a paralización do Tax Lease? Lémbrolle que os estaleiros da Ría de Vigo seguen agardando a poder asinar contratos. Mentras pasa o tempo, os estaleiros doutros países da UE contratan barcos a decenas”.

“Reforme xa a Lei Hipotecaria”.

Unha das cuestións nas que fixo especial fincapé foi a dos desfiuzamentos. “Mentras endebedan o Estado a uns níveis incríbeis para salvar á banca, non se endebedaron nen un euro para salvar ás vítimas da usura bancaria. Fíxese na rúa e non nos letreiros dos bancos. Estamos en estremos perigosos con persoas que se quitan a vida porque fican sen casa, e vostés son corresponsábeis Señor Rajoy”.

“Deixe xa a banca e endebédese para salvar á xente! Débese á cidadanía en primeira instancia. Reforme polo trámite de urxencia a Lei Hipotecaria como demanda o mundo da xudicatura, e como demandamos moitos desde hai anos”.

Davila reprochou a Rajoy de continuar “no sendeiro errado, obcecado en políticas do défice que só aportan recortes en dereitos laborais, sociais, económicos. En menos dun ano vosté logrou destrozar máis que ninguén en décadas. Fortaleza o Estado de Benestar, garanta salarios dignos, medidas para as persoas e non a banca”.

Resgate si ou non?

Criticou o papel do BCE porque “segue entregado a aumentar os beneficios dos especuladores en lugar de actuar como auténtico prestamista dos Estados”.

A deputada do BNG pediu a Rajoy que despexe a cuestión do resgate. “Vai haber resgate si ou non? Producirase o resgate cando o vexa necesario Merkel ou cando vosté o vexa necesario? Desde logo o BNG considera que é mellor que non haxa outro resgate, non pida outro porque as condicións serán moi duras”. Por certo, subliñou, “vai revalorizar as pensións?”. E reprochou ao Presidente do Goberno que “os ricos sexan cada vez máis ricos e a xente estea cada vez pior”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG