Olalla Rodil reúnese coa dirección e a ANPA do IES Terra Chá de Castro e presentará preguntas no Parlamento

“Este é un exemplo das políticas de desmantelamento do PP, no que Feijoo denominou como a lexislatura do Rural” dixo Rodil

O BNG preguntará no Parlamento polas circunstancias que levaron a negar a este centro a implantación dun novo ciclo de forestais

Olalla Rodil reúnese coa dirección e a ANPA do IES Terra Chá de Castro e presentará preguntas no Parlamento

A Parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, mantivo unha xuntanza con representantes da ANPA e da dirección do IES Terra Chá de Castro. A directiva presentou recentemente a súa dimisión despois de que a Xunta lles negara a posibilidade de impartir no centro o ciclo superior de traballos forestais. O BNG presentará, no Parlamento Galego, unha serie de preguntas para que se aclare cales foron as causas que levaron a negar a este centro a implantación dun novo ciclo de forestais.

“Este é un exemplo das políticas de desmantelamento do PP, no que Feijoo denominou como a lexislatura do Rural” dixo Rodil que sinalou que “dende a Xunta non se está a defender o rural como di Feijoo, e este é un exemplo”. A perda da implantación do ciclo superior de traballos forestais suporá unha merma nas posibilidades da mocidade da comarca de formarse e unha carencia das industrias e empresas da zona á hora de atopar profesionais debidamente formados.

A Parlamentaria nacionalista culificou como “censurabel” tanto as formas como o fondo desta negativa da Xunta á implantación do novo ciclo de traballos forestas e indicou que “a pesares de que os conctactos entre a dirección do centro e a Consellería comezaron en marzo de 2017, a resposta foi o 26 de xuño a través do DOG e na vépera de empezar as admisións de alumnado”.

Neste momento o IES de Castro conta con dous ciclos un deles de paisaxismo, que é o único na provincia de Lugo e so hai tres en toda Galiza, e unha FP básica de explotacións agrarias. “A implantación do ciclo superior de traballoso forestais permitiría pechar o ciclo para ter todo o ensino continuado nunha especialidade moi relacionada coa industria e empresas da zona” explicou Rodil. A única razón que se deu dende a Consellería, en conversas informais, é que non estaba garantido que fosen a contar cos 8 estudantes de mínimo que se esixe na lexislación para un centro deste tipo.

“Tras desta prohibición está un claro desprezo da Consellería de Educación e dos seus responsables políticos cara a iniciativa, o traballo e esforzo do equipo docente e directivo deste centro educativo de Castro Ribeiras de Lea” afirmou Olalla Rodil. Segundo os datos aportados dende a dirección sainte “non houbo dialogo entre responsables da Consellería e o Centro da Terra Chá e foi a golpe de BOP como truncaron as expectativas de futuro xeradas para o vindeiro curso” sinalou a Parlamentaria do BNG.

O BNG trasladará iniciativas ás diferentes institucións para apoiar a proxecto de que o IES da Terra Chá – Trapero Pardo de Castro Ribeiras de Lea acade un novo ciclo específico en formación forestal para vindeiros cursos. Para o BNG “queda clara, unha vez máis, a discriminación á que a Xunta ten sometida ás comarcas de Lugo e concretamente á Terra Chá”. Os nacionalistas tamén foron críticos coa postura do alcalde popular de Castro de Rei pola súa “tolerancia” con esta decisión que “merma as espectativas de mellora educativa no concello”.