parlamento galego

BNG levará ao Pleno do Parlamento a opacidade nas contas do Sergas e a situación “contra as cordas” da sanidade galega

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil advirte que “é moita hora de acabar coa anomalía democrática na que se atopan os medios públicos do País” e insta ao PP a renovar a dirección da CRTVG  .

A falta de transparencia nas contas do Sergas e na xestión dos cartos dos galegos e as galegas, xunto á situación “contra as cordas” que atravesa a sanidade pública, centraran os temas que o BNG vai levar a debate no próximo Pleno do Parlamento.

“Queremos transparencia, control da xestión dos recursos públicos e defender os dereitos da cidadanía e do tecido empresarial, honesto e profesional, ao que que se lle está furtando o dereito a concorrer a procesos de licitación pública de contratos que se están repartindo a dedo entre un puñado de empresas amigas do PP”, asegurou a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, para xustificar a necesidade da comisión de investigación que o BNG vai solicitar no Pleno sobre os contratos de emerxencia asinados pola Xunta durante a pandemia da covid- 19.

O Pleno da vindeira semana abrirase, precisamente, co debate da comisión que reclama o BNG para por “luz e taquígrafos” posto que, segundo subliñou Rodil, “ao contrario do que afirma o PP, a maior parte da contratación realizada como consecuencia da pandemia non foi obxecto de fiscalización nin por órganos internos nin externos da Xunta”.

Contas, precisou, só fiscalizou unha parte dos contratos do Sergas, e só os asinados entre marzo de 2020 e maio de 2020. Quedaron excluídos, polo tanto, os contratos de emerxencia feitos por consellerías, axencias, fundacións e corporacións da Xunta.

Sobre a xestión no Sergas versará tamén a intervención da portavoz nacional, Ana Pontón, na quenda de preguntas ao presidente da Xunta. A líder do Bloque vaille preguntar a Rueda, en concreto,  polas medidas que ten pensado adoptar ante a “crítica situación” da sanidade pública galega, especialmente da atención primaria, “que está contra as cordas tras 15 anos de goberno do PP e 15 anos de recortes”.

Unha situación que, tal e como sostivo Olalla Rodil tras a reunión da Xunta de Portavoces, quedou ben reflexada no número de prazas MIR que quedaron sen cubrir na última convocatoria. “Os médicos escapan da Atención Primaria do noso País polas condicións leoninas que lles impón o Goberno do PP”, denunciou a viceportavoz nacionalista logo de lembrar que este ano quedaron sen cubrir 60 prazas MIR de Medicina de Familia.

Pontón preguntará tamén pola “xestión opaca do Sergas” que “drena cantidades inxentes de diñeiro público para entregar a empresas privadas sen xustificar a súa razón e sen o máis mínimo control”, explicou Rodil este martes, en alusión ao último informe publicado polo Consello de Contas.

A viceportavoz nacionalista lamentou, por outra banda, o rexeitamento do PP ás comparecencias solicitadas polo BNG na Xunta de Portavoces. A primeira, do propio  xefe do Executivo galego para explicar os cambios na política de igualdade despois de trasladar as competencias nesta materia á Consellería de Política Social e suprimir a Secretaría Xeral, que no novo organigrama da Xunta quedou divida en dúas direccións xerais.

“É un claro retroceso, un paso máis na degradación das políticas de Igualdade e fulmina o carácter transversal que se daba a secretaría xeral”, manifestou sobre esta cuestión Olalla Rodil, para quen os cambios en Igualdade “deixan as caretas caídas” e amosan, máis unha vez, “o PP de sempre, o que fulminou o Servizo Galego de Igualdade, o que recortou as axudas ás vítimas de violencia machista en 2009 ou o que suprimiu  as oficinas de igualdade e benestar”.

“Volve o peor PP, o que sen o máis mínimo rubor coloca condenados xudiciais por violencia machista nos concellos galegos sen o máis mínimo rubor”, agregou en referencia á  reintegración do grupo municipal do PP da Illa, co beneplácito de Rueda, de Matías González.

A segunda comparecencia que reclamou o Bloque e que rexeitou o PP foi a do conselleiro do Mar, para falar da “crítica situación” na que se atopan as rías galegas posto que “hai rías nas que as mariscadoras e os mariscadores levan dende outubro do ano pasado sen apañar coas consecuencias dramáticos que iso ten para centos de familias”.

Malia o rexeitamento do PP a estas comparecencias, o BNG levará ao Pleno en forma de preguntas parlamentarias tanto os cambios en igualdade como a falta de produtividade das rías.

Fin á prórroga da AP-9, transferencia e rescate

No que se refire ás proposicións non de lei, o BNG defenderá no Pleno unha iniciativa para solicitar ao Goberno do Estado que inicie os trámites para anular a prórroga de 25 anos na concesión da AP-9, en coherencia co procedemento aberto pola Comisión Europea. Unha iniciativa na que se pide tamén a transferencia das competencias a Galiza da autopista e que Xunta e Goberno central encarguen un estudo para avaliar os custes do rescate.

Finalmente, o BNG defenderá outra PNL instando ao Goberno do PP a renovar xa a dirección xeral da CRTVG con arranxo ao que dispón a lei desde hai 13 anos e “acabar dunha vez por todas coa anomalía democrática na que se atopan os medios públicos deste País” .

“O PP se dedica a dar estes días sobre liberdade de prensa a todo o mundo despois de levar 13 anos en Galiza incumprindo de maneira consciente e obscena a súa propia lei, a que fixo e aprobou o PP, que di que a CRTVG debe estar elixida por dous tercios do Parlamento. É moita hora de acabar con esta anomalía democrática”, advertiu Rodil.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG