Europeas 2024

Ana Miranda: “A voz do BNG en Europa é fundamental para que os artistas galegos teñan os mesmos dereitos que os artistas belgas”

Ana MIranda Festival Títeres
Ana MIranda Festival Títeres

A candidata do Bloque defendeu o “Estatuto Europeo do Artista” durante a visita que realizou ao Festival Internacional de Títeres de Redondela

“Quero aproveitar esta visita a un dos principais referentes do teatro de monicreques para salientar a necesidade de que Europa conte cun Estatuto Europeo da e do Artista”, destacou a eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, durante a visita que realizou ao Festival Internacional de Títeres de Redondela, xunto ao portavoz municipal Xoán Carlos González, entre outros membros do BNG local.

Segundo afirmou Ana Miranda, “a voz do BNG en Europa é fundamental para que os artistas galegos teñan os mesmos dereitos que os artistas belgas”, de forma que o “Estatuto Europeo da e do Artista” inclúa todo tipo de artes e evite as discriminacións que existen entre os diferentes Estados. Así, a eurodeputada galega indicou que, no caso de Bélxica, os artistas contan cun salario establecido e negociado polo estado.

Precisamente foi o grupo parlamentar da Eurocámara no que está incluído o BNG – o grupo Verdes – Alianza Libre Europea- , o que lanzou esta iniciativa a nivel europeo. “Posto que este debate non está rematado, acadar este estatuto será un dos retos da vindeira lexislatura”, salientou a eurodeputada do Bloque, quen ademais pon de manifesto que a brecha salarial que padecen as mulleres neste sector.

Propostas

Este estatuto propón que os Estados membros apliquen as Recomendacións da UNESCO relativas ao "estatuto dos artistas", das que todos son asinantes, tendo en conta que todos os traballadores están amparados polo acervo laboral da UE, así como pola lexislación laboral nacional. Neste sentido, sinala que os traballadores teñen dereito a un salario mínimo, a negociación colectiva, o tempo de traballo e a protección da saúde, o dereito a un permiso retribuído e un acceso mellor á protección contra o traballo. prestacións de accidentes, desemprego e enfermidade, así como as pensións contributivas de vellez.

Outro dos aspecto que contempla o Estatuto do Artista fai referencia a que o Estados membros asignen os recursos económicos e humanos adecuados para o fortalecemento das disciplinas artísticas en todas as etapas educativas nas actividades curriculares e extraescolares. “As condicións sociais e laborais xustas son fundamentais para garantir a liberdade de expresión artística de todos os creadores”, concluíu a candidata do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG