parlamento galego

BNG reclama ao conselleiro de Sanidade explicacións diante da “gravidade” das advertencias do Consello de Contas

Montse Prado
Montse Prado
Prado acusa ao Goberno do PP de facer do orzamento do Sergas “un ecosistema perfecto para facer uso dos cartos públicos sen render contas”

A deputada do BNG Montse Prado vén de reclamar no Parlamento a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para que dea explicacións aos galegos e ás galegas diante das críticas feitas no último informe de fiscalización publicado polo Consello de Contas. Un informe que, segundo destacou a portavoz de Sanidade nacionalista, confirma que o orzamento do Sergas “é un ecosistema perfecto para facer uso dos cartos públicos sen render contas”.

Prado lembra que o Sergas representa o 40 % do orzamento da Xunta, o que agrava aínda máis as advertencias de Contas, “que ratifican as denuncias que o BNG fai dende hai tempo” respecto á falta de transparencia, o abuso de contratos menores ou á derivación de cartos á sanidade privada. Subliñou, neste sentido, o aumento en 226 millóns de euros do gasto prestado con medios alleos, é dicir, para a sanidade privada.

“O Goberno do PP persiste na opacidade, na falta de transparencia e información e, polo tanto, non permite que se coñeza cal é a situación económica e financeira real do Sergas”, denunciou Prado, censurando ao respecto “o uso permanente dos contratos menores, os negociados sen publicidade,  as autorizacións de uso ou o fraccionamento de contratos”. “Unha parte importante da contratación do Sergas evita a concorrencia competitiva e, polo tanto, a igualdade entre as empresas”, engadiu.

A portavoz de Sanidade do BNG destacou, por outra banda, as advertencias de Contas sobre o aumento das listas de espera e a redución da consultas presencias, datos que “poñen en evidencia a política sanitaria do PP, que aposta máis pola sanidade privada que pola atención de calidade á maioría das galegas e galegos”.

Diante da “gravidade” das conclusións do Consello de Contas, Prado reclama explicacións urxentes ao titular de Sanidade, así como unha rectificación das políticas “para que deixe de actuar desta forma opaca cos orzamentos da Xunta, para que remate coas prácticas contractuais fraudulentas e coa derivación permanente de recursos públicos para a sanidade privada e para que presente de inmediato un plan de choque para rematar coas listas de espera”.  
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG