Ana Pontón presenta un goberno alternativo co obxectivo de formular propostas estratéxicas e promover pactos de País

Similar aos gabinetes na sombra do parlamentarismo inglés, busca aportar solucións e defender os intereses de Galiza en todos os ámbitos

A líder do BNG ofrece a Rueda pactos en sanidade, vivenda, enerxía e rexeneración democrática e acordos para defender Galiza ante o Estado

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou o “goberno alternativo” co que o BNG dará a réplica ao Executivo do PP, unha fórmula inspirada nos gabinetes na sombra da tradición parlamentaria inglesa ou nos comités de expertos alemáns e que ten como obxectivo aportar propostas estratéxicas e promover pactos de País.

Pontón explicou que este goberno alternativo “nace coa vocación de construír a favor de Galiza, dunha forma de facer política baseada nas propostas e nas ideas para resolver problemas e afrontar retos” e traballará con tres fins fundamentais, a comezar por facer un rigoroso labor de control ao Goberno da Xunta. “Cada consellería terá un exhaustivo seguimento, unha marcaxe estrita por parte das e dos responsables de área deste goberno alternativo”, detallou.

Presentación goberno alternativo
Presentación goberno alternativo

O segundo gran obxectivo do gabinete nacionalista é explicar as propostas que adoptaría un goberno BNG para resolver os problemas dos galegos e das galegas, aportando “a cada crítica, unha solución”. Por último, promoverá grandes acordos de País en cuestións estratéxicas e contribuirá a “darlle peso político a Galiza no Estado”.

Neste sentido e tal e como xa avanzara no debate de investidura, a portavoz nacional volveu tender a man do Bloque ao Executivo de Alfonso Rueda para acadar un gran pacto de País en catro ámbitos prioritarios: sanidade, acceso á vivenda, modelo enerxético e rexeneración democrática.

“Asuntos que desde o goberno alternativo do BNG consideramos prioridades para a cidadanía porque falamos de saúde, do dereito a unha vivenda digna, de poñer a riqueza eléctrica ao servizo da maioría e de darnos unha democracia de calidade”, afondou para estender a continuación este ofrecemento tamén á defensa dos intereses dos galegos e as galegas fronte no Estado.

Pontón considerou necesario darlle a Galiza “máis peso político en Madrid” e reafirmou o seu ofrecemento a Rueda para acadar un acordo tanto para negociar as competencias pendentes e unha redución da débeda “garantindo un trato igualitario”, como para conseguir “un financiamento xusto, mesmo dentro do actual marco e do actual sistema”.

En definitiva, o rigoroso labor de control, a proposta de alternativas para dar solucións aos problemas dos galegos e das galegas e man tendida para colaborar a favor de Galiza integrarán a folla de ruta coa que traballará o grupo parlamentario do BNG que conforma este goberno alternativo.

Un gabinete que encabeza a propia Pontón como xefa da oposición e portavoz da forza política que lidera a alternativa de goberno e que conta con 12 portavoces responsables das distintas áreas de traballo: Iago Tabarés será o portavoz de Presidencia, Xustiza e Deportes; Luís Bará, o de Medio Ambiente e Cambio Climático; Cristina Fernández, a de Educación, Ciencia, Universidade e FP; Olalla Rodil, a de Política Social e Igualdade e Brais Ruanova, o de Economía e Industria; Noa Presas, a de Facenda e Administración Pública; Alexandra Fernández, a de Vivenda e Infraestruturas; Montserrat Prado, a de Sanidade; Mercedes Queixas, a de Cultura, Lingua e Xuventude; Ramón Fernández, o de Emprego, Comercio e Emigración; Secundino Fernández, o de Medio Rural; e Rosana Pérez, a de Mar.

O goberno alternativo do BNG contará coa participación e implicación do conxunto de deputados e deputadas a través de secretarías temáticas adscritas a cada área e manterá reunións cada quince días das que derivarán propostas alternativas en todos os temas clave e relevantes como financiamento, enerxía, ciencia, industrialización, vivenda, autogoberno, atención ás persoas maiores, servizos públicos, emprego, despoboación ou rexeneración das rías.

A portavoz nacional avanzou que este gabinete percorrerá o País mantendo encontros de traballo con todos os axentes económicos, sociais, científicos, académicos, culturais, sindicais, empresariais ou veciñais. “Queremos escoitar, dialogar, intercambiar propostas e valoracións co conxunto da sociedade galega para explicarlle cal é a nosa alternativa de goberno, tendo en conta que estamos nun momento de grandes retos e que Galiza non poder perder nin oportunidades, nin tempo”, afondou.

Logo que a cidadanía “apostara con rotundidade” o pasado 18 de febreiro “por situar ao Bloque como alternativa fronte ao PP”, Pontón concluíu amosándose plenamente consciente “do papel e da responsabilidade que nos deron as urnas como forza líder da oposición”, polo que se comprometeu a “facer política con luces longas” e a traballar “dende o primeiro minuto” para “mellorar a vida dos galegos e das galegas” e darlle a Galiza “unha alternativa de presente e de futuro desde a convicción de que este é un gran País”.

Contratacións Xunta 

Por outra banda, a portavoz nacional aproveitou as preguntas dos xornalistas para reclamar de novo ao Goberno do PP que acepte a auditoría pública que reclama o BNG sobre os contratos asinados pola Xunta durante a pandemia. “É evidente que hai serias dúbidas e unha clara opacidade respecto a como se fixeron esas contratacións”, asegurou.

Nesta liña, subliñou que o PP en Galiza terá a oportunidade de demostrar que está a favor da transparencia e que non ten nada que ocultar no vindeiro pleno do Parlamento galego, no que se debaterá a iniciativa do BNG que reclama a auditoría. “Agardo que o PP estea a favor da transparencia e non vote en contra”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG