congreso

BNG mostra a súa satisfacción co remate das obras de dragaxe da Ría do Burgo mais exixe a súa finalización nas debidas condicións

Visita Ría do Burgo
Visita Ría do Burgo

Queixas sobre as axudas nestes 24 meses após a sementeira: “Goberno e Xunta teñen que impulsar ese novo convenio que protexa e blinde os mariscadores e mariscadoras”

“A dragaxe foi incorporada ao acordo conseguido polo BNG en 2020 mais non deixaremos de traballar até conseguir a rexeneración integral da Ría do Burgo” afirma Rego

O BNG quere comprobar que as actuacións realizadas foron as correctas e, “de haber algunha incidencia, ten que ser corrixida”

O Bloque Nacionalista Galego mostra a súa satisfacción no remate das obras de dragaxe da Ría do Burgo que foi froito “da mobilización social para conseguir unha Ría viva e produtiva” e impulsada “polo acordo conseguido polo BNG en 2020”. Do mesmo xeito, a organización nacionalista asegura que é “un paso máis para a rexeneración integral da ría” mais avanza que existen elementos pendentes de realizar para completala. Así mesmo, rexistra iniciativas no Parlamento Galego e nas Cortes Xerais para que Xunta e Goberno do Estado se poñan dacordo e estabelezan axudas aos mariscadores e mariscadoras que verán parada a súa actividade económica entre 18 e 24 meses.

“Esta obra de dragaxe incorporouse ao acordo de investidura logrado polo BNG no ano 2020 e foi un dos primeiros elementos que se puxo en marcha” lembra o deputado do BNG no Congreso.

O remate das obras, segundo explica Mercedes Queixas, é o resultado dunha sociedade que durante décadas “non deixou de mobilizarse na defensa do dereito a poder vivir a carón dunha ría viva e produtiva”. Acompañando as mobilizacións, lembra a deputada nacionalista, sempre estivo o BNG que mesmo levou iniciativas a todas as cámaras onde ten representación: Concellos, Parlamento Galego, Congreso, Senado e Parlamento Europeo.

“Que as obras de dragaxe rematasen non quere dicir que a rexeneración integral da Ría do Burgo estea conseguida” aclara a deputada do BNG que mesmo explica que após a sementeira de bivalvos, a ría tardará aproximadamente 24 meses en seren produtiva.

Axudas para o sector marisqueiro

“O BNG vai continuar traballando para que o Goberno do Estado se poña dacordo coa Xunta para garantir as axudas aos mariscadores e mariscadoras” anuncia o deputado nacionalista nas Cortes. Segundo explica, Xunta e Goberno do Estado “están a lanzarse a pelota entre si” e incluso “mirando cara a outro lado para desentenderse do tema” mais “é inadmisíbel  que non haxa un mínimo de diálogo para solucionar este problema”.

Ten que haber, sinala Néstor Rego, axudas para o sector marisqueiro da Ría do Burgo. Por iso, a deputada do BNG na cámara galega defendeu que a Xunta de Galiza se poña do lado dos mariscadores e mariscadoras e asuma as compensacións económicas destes 24 meses”. En calquera caso, especifica, que a Xunta abra unha mesa de diálogo co Goberno do Estado para impulsar ese novo convenio “que protexa e blinde os mariscadores e mariscadoras”.

Comprobar que as actuacións de dragaxe foron as correctas

A deputada do BNG no Parlamento avanzou o rexistro de iniciativas que se debaterán proximamente na cámara galega “instando a Xunta de Galiza a que analice se as obras responden ao proxecto e ao estudo de impacto ambiental elaborado”. Neste sentido, Rego destacou a existencia dun informe da Confraría que fala da existencia de afectación nun banco marisqueiro. “Hai que constatar que as actuacións foron as correctas e que non hai ningún banco marisqueiro afectado. E, de haber algunha incidencia, ten que ser corrixida” sinala.

“Faltan, ademais, actuacións no entorno da Ría como completar o paseo, especialmente na zona do Paraíso. Recuperar e rehabilitar o mobiliario que tivo que ser apartado para poder realizar as obras de dragaxe e mesmo plantar novas arbores que foron taladas” enumera o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG