O BNG pide á Xunta que recorra a repercusión do canón eólico na factura da luz d@s consumidor@s

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas propón ao PP que promova unha modificación da actual lexislación para impedir inxerencias nos tributos autonómicos

O BNG pide á Xunta que recorra a repercusión do canón eólico na factura da luz d@s consumidor@s

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, pediu ao Goberno galego que recorra a previsible repercusión do canón eólico na factura da luz dos e das consumidoras deste país, despois de que o Tribunal Superior asumise as teses das eléctricas que denunciaron a aplicación deste tributo autonómico e a súa intención de recuperar o pagado subindo o recibo da luz aos galegos e galegas.

“De consumarse xa sería o colmo do disparate e un auténtico agravio, resultaría que lonxe de que as familias e empresas deste país se beneficien de que somos produtores excedentarios de enerxía, resulta que aínda terían unha subida adicional na factura da luz! Unha tomadura de pelo intolerable”, salientou Presas na súa pregunta ao conselleiro de Economía.

Ademais de recorrer a probable repercusión do canón eólico, o BNG propón ao PP e á Xunta que promovan no Congreso unha modificación da normativa estatal para impedir a interferencia do Estado nos tributos territoriais, “porque hoxe está afectado esta tributo autonómico, pero mañá poden ser taxas municipais ou calquera outra medida fiscal aprobada desde os gobernos autonómicos”, alegou.

O actual marco legal (24/2013) “avala ao gran oligopolio eléctrico controlado por unhas poucas empresas que mesmo pactan e manipulan os prezos, e teñen tantos beneficios chovidos do ceo que nin lles importan as multas”, denuncia a deputada, quen pediu ao titular de Economía, Francisco Conde, “menos prepotencia e usen o poder político, se é que pintan algo en Madrid, para dicir que Galiza non paga este dislate”, concluíu.