Congreso

BNG urxe o Goberno a “dar marcha atrás” na decisión de suprimir a última conexión entre Ourense e Lugo

Néstor Rego
Néstor Rego

“Recortou un novo servizo para as persoas usuarias que van a Lugo, a Monforte ou a Sarria e que necesitan coller o último tren desde Madrid” denuncia Rego

O BNG defende que Lugo se beneficie da entrada en funcionamento dos novos servizos Avril para compensar o déficit que ten en infraestruturas ferroviarias

O BNG vén de rexistrar iniciativas ante a decisión de Renfe e o Ministerio de Transporte de eliminar o servizo de conexión entre Ourense e Lugo para os viaxeiros que chegan a Ourense no último tren do día, recortando así unha frecuencia máis e suprimindo o autobús que estaba operativo polo corte da vía para a súa modernización. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxe o Goberno a rectificar esta decisión, “dando marcha atrás” e restituíndo o traslado en bus desde Ourense a Lugo ás 23h. Así mesmo, Rego quere coñecer se Lugo contará con servizos dos novos trens Avril, como están a afectar as obras de ampliación de Chamartín aos trens a Galiza e a estimación que ten o Goberno a respecto do remate das obras de modernización da vía férrea entre Ourense e Monforte.

Renfe acaba de decidir eliminar o servizo de autobús que trasladaba a Lugo aos viaxeiros que chegaban a Ourense no AVE das 23h. mentres están en marcha as obras de modernización da vía ferroviaria no tramo Monforte de Lemos-Ourense. A compañía alega que duplicou as prazas no Alvia anterior mais, para a organización nacionalista, este argumento “non convence: a moitas persoas viaxeiras resúltalles máis útil poder coller o último tren que sae unha hora e cuarto máis tarde de Madrid, para aproveitar a xornada tanto por cuestións laborais, por estudo ou doutro tipo”.

“Lugo é a cidade menos favorecida polas actuacións de modernización ferroviaria e quedou excluída do mapa de altas prestacións. Nin sequera ten unha conexión directa coa capital de Galiza, con Santiago de Compostela. Todas as actuacións que se están a levar a cabo en Lugo para o impulso do transporte ferroviario son grazas aos acordos acadados polo BNG” lembra o deputado do BNG, Néstor Rego.

Mais, en opinión de Rego, a eliminación desta conexión supón un recorte de servizos por moito que se decidiu duplicar as prazas do Alvia anterior. “Deixa a moitos usuarios sen un servizo e limita as posibilidades de frecuencias e de horarios” subliña. Neste sentido, Rego urxe o Goberno “dar marcha atrás” nesta decisión e restituír o servizo até que as obras de modernización do tramo Monforte-Ourense rematen.

Por outra banda, en iniciativas parlamentarias anteriores, preguntabamos ao Ministerio de Transporte a que servizos ferroviarios a Galiza ían afectar as obras de ampliación da praia de vías da estación madrileña de Chamartín Clara Campoamor porque ditas actuacións implicaban unha remodelación das frecuencias ferroviarias, sendo Lugo uno dos destinos da Galiza afectados.

Así mesmo, nestas iniciativas que vén de rexistrar o deputado do BNG sinala que “é de xustiza compensar a Lugo polo déficit que ten en infraestruturas ferroviarias. Lugo debe beneficiarse dos trens Avril”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG