parlamento galego

BNG reclama o recoñecemento oficial da selección galega de fútbol para a súa participación en competicións internacionais

Iago Suárez
Iago Suárez

Iago Suárez reclama o apoio da Xunta a un calendario estable para que os galegos e as galegas non teñan que esperar outros oito anos para poder ver de novo á Irmandiña

O Bloque urxe tamén na Cámara a creación da selección galega feminina de fútbol

O deputado do BNG Iago Suárez reclamou este mércores no Parlamento o apoio da Xunta ao recoñecemento oficial da selección galega de fútbol para a súa participación en competicións internacionais, ao mesmo nivel que Gales, Escocia ou as Illas Feroe. “As nosas seleccións deportivas represéntanos como pobo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade e, ademais, afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social galega”, sostivo.

Suárez estreouse como deputado na Comisión 1ª da Cámara cunha pregunta ao secretario xeral de Deportes, José Ramón Lete Lasa, sobre a selección galega de fútbol, para a que reclamou tamén un calendario estable de competicións que permita os galegos e ás galegas desfrutar da Irmandiña “sen ter que esperar outros oito anos”.

Lembrou, neste sentido, que o último partido que xogou a selección galega absoluta de fútbol foi no ano 2016, un encontro amigable contra Venezuela no estadio coruñés de Riazor ao que asistiron 18.000 persoas, cifra que demostra “a demanda da poboación galega de ver a súa selección xogar”, subliñou.  

É por iso, engadiu, que o anuncio feito nos últimos días sobre o regreso da Irmandiña, o 31 de maio fronte a Panamá, causou unha grande ilusión entre os afeccionados e as afeccionadas galegas. Porén, o deputado por Lugo lamentou que a data elixida coincida coa promoción de ascenso,  o que vai impedir estar na selección a algúns xogadores.

Iago Suárez aproveitou a pregunta ao Parlamento para reclamar tamén ao Goberno do PP o apoio oficial da Xunta á creación da sección galega absoluta feminina. “E un atraso histórico que as nosas futbolistas non teñan oportunidade de defender as súas cores polo mundo adiante”, considerou.       

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG