BNG, ERC, EH-Bildu e Sinn Féin rexeitan os tratados CETA e TTIP

Pontón: “Con estes tratados ganan ás grandes corporacións e perden os pobos, @s traballadoras, o medio ambiente, a seguridade alimentaria e os servizos públicos”

Fronte común de forzas soberanistas da esquerda europea, expresada na declaración “Os pobos de Europa ante os tratados de libre comercio”

BNG, ERC, EH-Bildu e Sinn Féin rexeitan os tratados CETA e TTIP

Forzas soberanistas da esquerda europea subscriben na Coruña unha declaración conxunta en contra dos tratados de libre comercio que priorizan os intereses das grandes corporacións empresariais e financeiras mundiais en detrimento dos dereitos dos pobos e das maiorías sociais. Ademais, comprométense a actuar como “contrapoder” ao modelo globalizado que impoñen as transnacionais.

A través do manifesto Os Pobos de Europa ante os Tratados de Libre Comercio, BNG, ERC, EH-Bildu, Sinn Feín, a bretona UDB e a formación valona Ecolo expresaron a súa vontade de “continuar en unión cos pobos do mundo para a formación dun contrapoder contra o actual modelo globalizado e mundializado (...) que consagra a dominación actual das grandes corporacións transnacionais”, nunha xornada organizada pola Fundación Galiza Sempre (FGS) coa colaboración da Universidade da Coruña.

Con esta declaración, o BNG e o resto das formacións participantes “queren alzar a súa voz” para denunciar que os tratados de libre comercio, -como os que negocia a UE con Canadá e EEUU, CETA e TTIP-, dan ás corporacións transnacionais e aos conglomerados financeiros “un control que perpetúa legalmente o seu poder e os seus privilexios en detrimento da protección e da promoción dos intereses dos nosos pobos”.

O “dogma” do libre comercio, -recolle a declaración-, deixa como realidade incuestionable “o enriquecemento dos máis ricos e o correlativo empobrecemento de todos os demais que conformamos a humanidade, desde a realidade plural e diversa dos nosos pobos”. “Supeditar a democracia e a soberanía a un fanatismo economicista só conduce a un retroceso inédito nos dereitos laborais, sociais, alimentarios, ambientais e culturais así como a privatización e deterioro sistemático do Público”, denuncian no manifesto estas forzas políticas soberanistas.

CETA e TTIP, Galiza ten dereito a decidir

E máis, en relación a tratados como o CETA ou o TTIP que negocia a UE, as forzas soberanistas que asinan a declaración proclaman “o dereito como nacións a decidir libre e democraticamente por nós todo o relativo a calquera proposta de inclusión ou relación dos nosos pobos en calquera tratado multinacional de libre comercio, que pretenda ser subscrito por parte dos Estados dos que hoxe formamos parte”.

Por iso, a forzas políticas asinantes da declaración da Coruña manifestan a súa vontade, “en unión con outros pobos do mundo, para a formación dun contrapoder fronte ao actual modelo económico globalizado”.

Barra libre, mans atadas

En representación do BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón, ratificou o compromiso do Bloque para loitar, desde todas as frontes, contra estes tratados. “Mais que de libre comercio, son tratados de barra libre para as grandes multinacionais e as corporacións bancarias, e de mans atadas para os pobos, para as pequenas e medianas empresas, para a clase traballadora e para a maioría da sociedade”, salientou durante a súa participación nas xornadas.

“Con tratados como o CETA ou o TTIP uns poucos ganan e a maioría perde, gana esa minoría cada vez máis rica mentres a maioría se empobrece, ganan as multinacionais e perden as traballadoras, gana a privatización e perden os servizos públicos e o benestar social, gana TRUMP e os que son coma el, pero perde o comercio e os produtores locais, gana a desigualdade e perde o medioambiente, gana o neoliberalismo pero perde a democracia e a soberanía dos pobos”.

David contra Goliat

Para a dirixente do Bloque “e unha irresponsabilidade que desde o Goberno do PP se aposte por estes tratados que nos recortan dereitos, que empeoran a vida das persoas e que son un mazazo para a conservación do medio ambiente”, indicou.

Por iso, as forzas política reunidas hoxe na Coruña expresamos a nosa vontade actuar, xunto con outros pobos de Europa e do mundo, de actuar como contrapoder a globalización das transnacionais. Non sei se somos David contra Goliat, pero temos a obriga de traballar por un mundo mellor e máis xusto e para ratificar ese compromiso estamos aquí partidos políticos representantes dos nosos respectivos pobos”.