O BNG denuncia escurantismo na contratación do servizo de limpeza da Xunta e pide nova licitación

O BNG denuncia escurantismo na contratación do servizo de limpeza da Xunta e pide nova licitación
  • Montse Prado levou á Cámara as irregularidades da actual concesionaria e advirte que as empresas galegas do sector quedan excluídas de concursar

O BNG denuncia o escurantismo co que a Xunta está levando a cabo licitación do servizo de limpeza dos edificios administrativos e pide que se paralice o actual proceso de contratación para realizar un novo contrato que non exclúa ás empresas galegas do sector en beneficio de empresas de fora.

A deputada Montse Prado trasladou ao Parlamento as irregularidades denunciadas polo comité da actual empresa concesionaria, Limpezas Pisuerga Grupo Norte, tanto laborais como de incumprimento do actual contrato formalizado en 2014, e criticou a falta de resposta á solicitude de información do BNG para aclarar as denuncias.  “Un escurantismo que non ten explicación, pois tanto a empresa como a Xunta deberían ser as máis interesadas en despexar calquera dúbida”.

Entre as irregularidades, persoal que figura en determinados servizos pero que non existen na realidade, -por exemplo para o control de pragas-, cargos de responsabilidade que son descoñecidos polo cadro de persoal pero que perciben cuantioso pluses. “Tratan de inflar os custes actuais de cara o proceso de licitación”, argumentou Prado.

A estas denuncias hai que engadir que todo o sector da limpeza de Galiza trasladou aos grupos parlamentarios a súa preocupación por este proceso de macro concurso,  “que deixa fora a todo o tecido empresarial galego do servizo de limpeza”, mesmo a aquelas empresas que xa estaba prestando algún tipo de servizo na Administración.

”Arredor de 50 pequenas e medianas empresas excluídas deste macro concurso o que implicará a perda de postos de traballo e o BNG está coas empresas galegas”, indicou Prado, quen pese a negativa do PP ratificou a súa petición de paralizar o actual proceso de licitación e iniciar un novo sen irregularidades e que non exclúa ás empresas do sector da limpeza do país.