Opinión

Solidariedade con Palestina

Palestina
Palestina

Levamos dous anos vendo imaxes da brutalidade coa que Israel está aniquilando o pobo palestino en Gaza. Case 70.000 persoas asasinadas segundo as cifras oficiais actuais. Un masacre que busca a eliminación física da poboación gazatí e do conxunto do pobo de Palestina, de borralo para para ocupar, colonizar, por completo o seu territorio.

O dereito internacional define xuridicamente un xenocidio como os actos perpetrados coa intención de destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso, como tal. Actos que inclúen o seu asasinato mais tamén o seu sometemento ou traslado forzoso. Todos eles cometidos impunemente por Israel contra o pobo palestino en Gaza e en Cisxordania.

A pregunta diante do que está acontecendo, do que estamos a ver diariamente, que facemos? Seguimos coas nosas vidas coma se nada?

As galegas e galegos temos claro que non. Non podemos ver en silencio como se aniquila un pobo. Non imos ser cómplices dun xenocidio. Por iso esiximos das institucións e dos gobernos que actúen utilizando as ferramentas que teñen para frear a Israel. Sancións, embargos e ruptura das relacións diplomáticas como primeiras medidas.

Mais lonxe diso, España e o conxunto da Unión Europea non só manteñen relacións diplomáticas, económicas e financeiras co Estado de Israel senón que permiten que continúe a participar con absoluta normalidade en actos e eventos internacionais, como a Vuelta ciclista a España ou Eurovisión.

Cando a segregación e discriminación racial imperaban en Suráfrica unha das accións que foron determinantes para poñer fin ao apartheid foi a campaña de boicot, desinvestimentos e sancións. Accións decididas e contundentes para denunciar un réxime contrario aos dereitos humanos, un sistema racista e imperialista co que era inadmisible convivir.

Iso é o que denuncian os milleiros de manifestantes en cada etapa da Vuelta, que a cidadanía —semella que non os gobernos— non aceptamos con normalidade e complicidade que o Estado xenocida de Israel participe en eventos e competicións internacionais mentres aniquila o pobo palestino diante dos nosos ollos.

É desolador e inhumano ver como representantes políticos, como o presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, ou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, piden que a poboación deixe de mobilizarse e non interrompa a proba. É indignante que nos pidan que non fagamos política co deporte diante dun xenocidio.

As galegas e galegos somos un pobo solidario cos demais pobos do mundo, con todas as causas xustas que atravesan o planeta, ningunha delas nos é allea. Non imos ver en silencio como Israel aniquila un pobo. Non podemos seguir coas nosas vidas coma se nada acontecese diante dun xenocidio.

Porque sabemos, como vimos en Suráfrica, que acabar con réximes racistas, xenocidas e imperialistas pasa por que rachemos o silencio, os sinalemos e os illemos, por que acabemos en definitiva coa falsa normalidade que os fai impunes, desde os gobernos e a acción cidadá.

Nós non imos ser cómplices quedando en silencio.

E ti?

 

Artigo publicado o 15 de setembro de 2025 en El Progreso de Lugo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG