Opinión

O caso Villares e o abrazo da vergoña

Violencia machista
Violencia machista

O feminismo loitou moito durante décadas para que a violencia machista —aquela que se exerce contra as mulleres polo simple feito de sermos mulleres— deixase de considerarse un problema individual e privado para ser abordado como o que é, un asunto público de carácter estrutural que atravesa as nosas vidas desde múltiples ámbitos e afecta a todas as mulleres independentemente da nosa raza ou clase social.

Cada asasinato, cada agresión representa unha violación dos dereitos humanos, dos dereitos fundamentais das mulleres.

Recentemente soubemos que o conselleiro do Mar, o mariñao Alfonso Villares, foi denunciado por unha presunta agresión sexual. Un feito gravísimo e insólito que provocou a súa dimisión. Cómpre lembrar que a violencia sexual é unha forma máis de violencia machista e que a renuncia dun cargo público investigado por uns feitos tan graves, é o mínimo esixible non un acto heroico.

Digo isto porque tan indignante son os detalles que foron transcendendo da denuncia como a resposta que tivo o goberno do Partido Popular ante ela, a comezar polo propio Rueda.

O presidente da Xunta ocultou durante catro meses que o conselleiro do Mar fora denunciado por presunta agresión sexual e lonxe de apartalo do goberno mantívoo nel. A dimisión de Villares só se produciu cando non cabía máis posibilidade e foi despedido entre abrazos vergoñentos e aplausos tanto do goberno como do partido.

Ese peche de filas reflicte o apoio inquebrantábel do PP a un presunto agresor sexual e pon ao mesmo tempo en cuestión a denunciante. É indignante é indecente que o goberno da Xunta de Galiza que debe protexer e apoiar as mulleres que denuncian sexa quen pon en dúbida a súa veracidade. Que mensaxe tan perigosa lanza o Partido Popular ás mulleres galegas!

Por se fose pouco, foi o entorno do conselleiro quen filtrou á prensa a identidade da denunciante violando de maneira flagrante a súa intimidade.

Presión sobre a muller que presentou a denuncia e presión tamén sobre a xustiza á que o presidente da Xunta pide celeridade para restituír a Villares na vida política. De feito, o argumentario do Partido Popular presentou o conselleiro como vítima. Pobre home que ten que marchar entre acusacións poñendo fin a unha meteórica carreira política!
Onde queda en todo o relato popular a muller, a denunciante. Quen a respecta se todo o aparello gobernamental a sinala poñéndoa en cuestión?

Cómpren moitas aclaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, arredor deste caso. É o mínimo esixible diante de feitos tan graves que implican directamente o goberno deste País. E non, a demisión de Villares non mete debaixo da alfombra a denuncia, como pretende o Partido Popular.

Unha agresión sexual non é nunca un asunto privado, como non o é calquera outra forma de violencia contra as mulleres. É un acto de sometemento, de posesión, é un acto de dominación, de control e un exercicio de poder, de demostración de superioridade.

Unha agresión sexual é sempre unha violación, unha das máis flagrantes, dos nosos dereitos fundamentais como mulleres e prodúcese polo simple feito de sermos mulleres. Algo terá que dicir o goberno ao respecto cando ademais, o presunto agresor, tiña até hai uns días unha cadeira no Consello da Xunta.

 

Artigo publicado en El Progreso de Lugo o 11 de xuño de 2025.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG